O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou este luns que solicitará ao Ministerio de Educación que a proba final de 4º da ESO, coñecida como 'reválida', non teña efectos académicos.


Diso informou nunha entrevista na TVG, na que sinalou que a intención da Xunta é que esta proba teña un carácter diganóstico sobre a situación na que se atopa o alumno e non incida no expediente do alumno.


Este é o primeiro ano, no curso 2016-2017, da aplicación desta proba final en 4º da ESO, no marco do desenvolvemento da lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce), e que segundo destaca a Xunta non vai condicionar o paso do alumnado á seguinte etapa.


Respecto diso, indicou que a primeira proba de 3º de Primaria no marco da Lomce serviu para definir de forma máis adecuada os contratos-programa subscritos por numerosos centros.


Ademais, valorou a disposición negociadora do Ministerio de Educación e que avogue por un pacto que alcance o maior consenso entre todos os axentes.


Respecto da proba final de Bacharelato para acceder á universidade que substitúe á selectividade, Román Rodríguez dixo que confía en adaptar a Galicia unha proba que non altere de forma significativa o sistema actual.


POWERED BY BIGPRESS