Nas últimas semanas trascenderon dous casos de condutores que circulaban en sentido contrario nas estradas galegas, o cal fixo saltar a alarma sobre a posible proliferación de "pilotos suicidas", coñecidos como 'kamikazes'. 


Sobre este tema foi preguntado o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, tras participar nun almorzo informativo en Compostela, onde fixo fincapé que estes dous casos non está vinculados pese a ter ocorrido ambos en Lugo na autovía A-6.


Villanueva apostou así por "incrementar a vixilancia" ante os casos de condutores 'kamikazes' que se producen na Comunidade, aínda que apuntou a que, a maior parte, prodúcense "por descoidos".



Así, lembrou que o accidente mortal producido por un condutor en sentido contrario en Aranga (Lugo), ocorrido hai unha semana, produciuse de forma "voluntaria" e con "ánimo de circular en sentido contrario", mentres que o segundo, ocorrido esta fin de semana na mesma vía, "parece un descoido".


"Son dous casos aparentemente distintos", apuntou Villanueva, á vez que indicou que a Garda Civil está a investigar a través de cámaras e "posibles testemuñas" para tratar de localizar ao condutor que este fin de semana circulou en sentido contrario pola A-6 e que non chegou a producir ningún sinistro.


MEDIDAS


Sobre como afrontar esta situación, o delegado do Goberno apuntou que, no seu momento, tomáronse "medidas" colocando nas entradas de autovías e autoestradas "sinales de alta luminosidade" para evitar equívocos.


En todo caso, "tentaranse facer novas campañas de concienciación" dos condutores e incrementarase a vixilancia por parte da Garda Civil.


O delegado, que pediu a colaboración cidadá para identificar e denunciar a calquera condutor que circule en sentido contrario, explicou que "a maioría das entradas prodúcense por descoido de condutores maiores" e que o caso dos kamikazes voluntarios é "máis complicado" de atallar.


CAUSAS


Apúntase a distintas causas que poderían levar a un descoido nas estradas e polo tanto unha conduta que nalgúns casos pode semellar a dun 'kamikaze'. 


A primeira á que se fai alusión é a do teléfono móbil, que supón un risco incluso cando o temos en altofalante, pois podemos concentrarnos na conversación e deixar de ver os sinais. O mesmo pasa cos navegadores GPS, que poden non só distraernos senón que en ocasións non conseguimos interpretar as instruccións e poden levar a unha mala condución e a cometer erros ao volante. 


Outra causa á que se apunta é a inxesta de alcol ou drogas, que nos fai perder capacidade de reacción. 


Por outro lado hai certos colectivos coma as persoas maiores, especialmente se están baixo medicación, que poden ter limitacións na súa capacidade de reacción á hora de conducir e os pode levar a cometer erros como pode ser a circulación en sentido erróneo. Os estranxeiros tamén poden considerarse un grupo de risco pois non estan acostumados ós sinais e certas regras de circulación poden ser diferentes aos seus países. Está o exemplo de Irlanda e Reino Unido onde se circula pola esquerda. 


A sinalización inadecuada, deficiente ou excesiva, tamén é outro factor que pode influír neste tipo de condución neglixente. 


A última das causas da circulación en sentido contrario sería que o condutor tome esa vía de forma consciente. Neste caso estariamos a falar do coñecido como 'kamikaze'.



POWERED BY BIGPRESS