Un centenar de delegados sindicais da CIG concentrouse este mércores ante o colexio de Fingoi, de titularidade privada, na cidade de Lugo polo despedimento do profesor de tecnoloxía que, á súa vez, era delegado desta central sindical.


O secretario provincial da CIG, Antonio Neno, cualificou de "inxusto" o despedimento xustificado en que "se reduciron as horas lectivas na actividade do docente". E iso a pesar de que o "centro segue tendo o mesmo número de alumnado e o mesmo número de profesores", apostilou.


Segundo criticou, "xustamente van despedir a un delegado sindical da CIG, e iso é porque a patronal do ensino privado non quere á CIG no seu centro de traballo e non quere a compañeiros que defendan os dereitos dos traballadores", manifestou.


Antonio Neno considera que o despedimento obedece a "unha represalia sindical", ante o que advertiu que "non" se van "a quedar quietos" e seguirán pedindo a súa readmisión.


Así, avanzou que "vai haber a correspondente denuncia no Xulgado do Social", á vez que insiste en facer "un chamamento á dirección do centro para que reconsidere o despedimento e proceda á súa readmisión".


"Legalmente é bastante difícil de xustificar o despedimento dun delegado de persoal que facía pouco tempo fora reelixido novamente", abundou.



POWERED BY BIGPRESS