A Asociación Profesional do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (Apropiga) emitiu un comunicado no que critica que "se cese" o día 30 de setembro a 436 profesionais cando a propia Consellería do Medio Rural considera que é necesario "ampliar o período de alto risco de incendios" ata o 15 de outubro.


"Son 436 traballadores que o deron todo durante esta campaña e que cesan a pesar de que seguen sendo necesarios ante as previsións que establece a propia consellería", apunta nun comunicado, no que concreta que os traballadores en cuestión ocupan postos como emisoristas dos centros de coordinación e bombeiros forestais nas brigadas helitransportadas, entre outros.


Apropiga pide que estes traballadores non cesen e que se arbitren medidas para que o seu traballo se prorrogue no tempo aproveitando as súas capacidades", á vez que instan á consellería a que poña fin á precariedade dos traballadores do servizo de prevención fixos descontinuos de 3 meses (que cesan agora).


Tamén pide a fin da precariedade dos traballadores de nove meses que finalizarán a súa actividade na loita e prevención contra incendios forestais en novembro.


Neste punto, Apropiga esgrime que "tampouco resulta comprensible que, mentres os traballadores do servizo público son cesados, "continúen operativos os medios contratados a través de entes públicos ou empresas privadas".

POWERED BY BIGPRESS