A Sala II do Penal do Tribunal Supremo vén de desestimar os recursos presentados polos pais de Asunta, Rosario Porto e Alfonso Basterra, e ratificou a sentenza que os condenou a 18 anos de prisión polo asasinato da súa filla.


Esta decisión foi adoptada por maioría do tribunal, segundo confirmaron fontes xudiciais, só un día despois de que o alto tribunal ampliase nun mes o prazo para pronunciarse.


Os recursos foran presentados polas defensas de Porto e de Basterra despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificase a condena a 18 anos de prisión para cada un dos pais que determinou a Audiencia Provincial da Coruña polo asasinato da súa filla Asunta.


No mes de marzo, o TSXG confirmou a condena aos pais de Asunta emitida pola Audiencia Provincial nun auto no que se avalaban os feitos recollidos como probados no auto orixinal do xuíz Jorge Cid Carballo, excepto no punto que se refire á participación directa de Alfonso Basterra na morte da nena.


MODIFICACIÓN SEN ALTERACIÓN DE PENA


Así, o alto tribunal galego introduciu unha modificación nos feitos probados segundo a cal foi Rosario Porto a única culpable de asfixiar á súa filla Asunta, aínda que determinou que isto o fixo "en execución do plan preconcibido" con Alfonso Basterra para acabar coa vida da menor.


Aínda tendo en conta isto, e tras desestimar as irregularidades alegadas polas defensas dos pais, o TSXG indicou que a pena que cabía impoñer a Basterra por este caso era a mesma que a Porto, 18 anos de prisión por asasinato con agravante de parentesco e abuso de superioridade. Agora o Supremo ratificou os fundamentos da sentenza.


Asunta Basterra Porto, de 13 anos, morreu asfixiada o 21 de setembro de 2013, aínda que o seu corpo, abandonado nunha pista forestal nas proximidades de Santiago de Compostela, non foi localizado ata a madrugada do día 22. A investigación posterior, que terminou co encarceramento dos seus pais adoptivos, determinou que, ademais, a menor consumira antes da súa morte e nos meses previos distintas cantidades de 'lorazepam', a última en rango "tóxico".

POWERED BY BIGPRESS