Un 19 por cento da poboación adulta en Galicia padece dor crónica. A dor crónica afecta actualmente a un 17 por cento dos adultos en España --máis de seis millóns de persoas en todo o Estado--, segundo datos achegados polo Servizo Galego de Saúde.


Dentro deste grupo de pacientes, en Galicia o 60 por cento "presentarían dor de costas, o 40% da dor sería articular e o restante, de cabeza", segundo indica a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago.


A Xerencia compostelá destaca a influencia deste síntoma nas actividades da vida diaria. En concreto, o 42 por cento dos pacientes con dor crónica di que este repercute no seu descanso nocturno, a un 40 por cento prodúcelle ansiedade e un 24 por cento deriva en depresión.


Respecto diso, explica que aínda que a maior arte dos pacientes con dor crónica son tratados en Atención Primaria, "en moitos deles non é posible alcanzar un bo control dos síntomas e son derivados á Unidade da Dor".


A Unidade da Dor da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, dependente do Servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Dor, funciona desde o ano 1982 e foi "pioneira", segundo destaca o centro, xunto coa de Ourense, no ámbito de Galicia e de España.

POWERED BY BIGPRESS