Verdegaia denuncia o "risco grave para a saúde" e "o perigo de contaminación" do medio ambiente que supón a construción dun vertedoiro en Lousame. Neste sentido, critica que a Consellería de Medio Ambiente "non debería nin sequera tomar en conta este tipo de proxectos", que supón un risco de contaminación nos acuíferos dos que se abastece a localidade de Noia e a ría de Muros-Noia.


A eurodeputada de AGE, Lida Senra, denunciou a semana pasada o Parlamento Europeo as "carencias" do informe de impacto sobre a saúde. Respecto diso, Verdegaia alerta de que este proxecto de Lousame "falsifica a información referente aos regatos e nacentes na contorna", "tamén falsea o estudo xeolóxico e deixa para máis adiante o estudo da permeabilidade das rochas sobre as que se asenta", tampouco se realiza un estudo arqueolóxico nin sobre o impacto no patrimonio.


Ademais, censura a falta de información sobre o propio proxecto en si, que residuos levarán e nin como se van controlar a sustancias perigosas.


GRANXAS EN PERIGO


O proxecto tamén se encuntra coa "oposición frontal" do Sindicato Labrego Galego, que alerta da ameaza que supón para unha ducia de granxas que manteñen un centenar de empregos.


O enterramento de 770.000 toneladas de residuos industriais en 10 anos farase, segundo denuncia o sindicato agrario, nunha parcela de 20 hectáreas que está clasificada como chan rústico de especial protección e que forma parte de "a base territorial dunha granxa de vacas cachenas que, probablemente, se vexa obrigada a pechar ao extinguirse o arrendamento da leira".


Tamén denuncian que "centos de hectáreas de terreos contiguos ou próximos ao vertedoiro son o sustento fundamental das explotacións que se concentran nas aldeas veciñas", onde hai cooperativas recoñecidas como "mestres criadores" de vacas frisoas, por exemplo.


Por tanto, valoran como "dificilmente" comparables os 311 postos de traballo que xeran as explotacións agrícolas cos 13 que creará o macrovertedoiro, "e que nin sequera todos son a tempo completo".

POWERED BY BIGPRESS