O Concello de Santiago, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), programa 15 días de actividades e iniciativas para concienciar sobre o cancro de mama coincidindo co Día Mundial desta doenza este mércores. 


A concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández, xunto coa presidenta e vicepresidente locais da AECC, Luz Hernández e Antonio Guerreiro, presentaron estas iniciativas, que se estenderán ata final de mes.


Concha Fernández destacou que o obxectivo desta campaña é "visibilizar a enfermidade" e "continuar avanzando" no campo da investigación para conseguir tratamentos máis efectivos.


Así, desde o día 19 ata o 23, os autobuses urbanos de Santiago levarán carteis cun lazo rosa e este mércores, os balcóns do Pazo de Raxoi, as torres Hejduk da Cidade da Cultura e a fachada do veciño Concello de Ames iluminaranse en cor rosa, símbolo desta enfermidade.


Do mesmo xeito, a asociación Me.I.Ga colabora, tamén o mércores, colocando unha mesa informativa na Facultade de Medicina, a mesma xornada na que o Multiúsos Fontes do Sar e o complexo Santa Isabel realizarán accións solidarias que tinguirán de rosa as súas actividades deportivas. Toda a recadación dese día doarase integramente á AECC.


O xoves, día 20, instalarase unha carpa na Praza Vermella, en colaboración coa Fundación Siel Bleu, con intención preventiva, divulgativa e de captación de fondos. Nela repartiranse folletos informativos, globos e lazos rosa.


O día 22 celebrarase o II Maratón de Manicuras Solidarias en Consínteche, centro de estética situado en Bertamiráns e que dedicará os fondos dos seus 'manicuras express' á AECC. Finalmente, o día 29, a Praza Macías en Padrón acollerá unha master class de zumba organizada por Eneida León e a beneficio da asociación de loita contra o cancro. A actividade iniciarase ás 12,00 horas.

POWERED BY BIGPRESS