A Valedora do Pobo, Milagros Otero, dirixiu unha carta á Defensora do Pobo, Soidade Becerril, para solicitar a súa colaboración en relación ás queixas recibidas de pensionistas galegos retornados de Venezuela e afectados por "atrasos" de máis de 10 meses no pago das súas pensións.


Os afectados demandaron o seu apoio á Valedora tras presentar o seu caso ante o Defensor do Pobo, órgano con competencias na supervisión dos entes públicos estatais.


Na súa comunicación, Milagros Otero pediu información sobre o estado de tramitación destas queixas e pediu "celeridade" dado o seu "interese social".


A situación afecta a persoas que desenvolveron toda ou parte da súa vida laboral no país suramericano e que levan ata 10 meses sen percibir o pago das súas pensións. Moitos deles, indica a Valedora, alertan de que, de manterse os atrasos, poderían empezar a sufrir "efectos moi graves", por non poder pagar a súa vivenda ou servizos básicos.


Os galegos afectados enviaron xa escritos á Presidencia do Goberno e ao Ministerio de Asuntos Exteriores para que se interesen pola súa situación e insten o Goberno de Venezuela a cumprir co establecido en materia de pensións nun convenio asinado entre dous países en 1988.


POWERED BY BIGPRESS