O portavoz do PSdeG na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, trasladou ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que o seu grupo acepta "con lealdade democrática" o resultado das recentes eleccións autonómicas e, por tanto, non propoñerá ningún candidato no debate de investidura.


"Non nos corresponde", explicou aos xornalistas ao termo do encontro, que se prolongou por espazo de case media hora, dentro da rolda de consultas que o xefe do Lexislativo galego está a levar a cabo nesta xornada.


Iso si, Leiceaga avanzou que o voto socialista nesta sesión, na que previsiblemente Alberto Núñez Feijóo revalidará o seu cargo, será negativo. "Non prevemos ningunha outra hipótese nin cremos que teña sentido contemplala", agregou.


Así pois, tal e como recalcou o portavoz do PSdeG no Pazo do Hórreo, a partir de agora o seu grupo asume "o papel de oposición" e "a iso" dedicará os seus "esforzos" e o seu traballo dentro da Cámara nesta X Lexislatura.

POWERED BY BIGPRESS