O pleno da Real Academia Galega (RAG) elixiu na súa sesión celebrada na mañá deste sábado na Coruña académica numeraria a María Xesús Pato Díaz.


A candidatura da escritora ourensá, coñecida como Chus Pato, fora oficializada no pleno anterior para ocupar a vancante de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro.


Chus Pato (Ourense, 1955) conta cunha frutífera traxectoria poética e artística na que, segundo valora a RAG, "desenvolve unha voz renovadora, rupturista cos modelos tradicionais".


"A súa é unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida tanto en Galicia como máis aló das nosas fronteiras", resalta a Academia.


ACADÉMICO


Na mesma reunión celebrada este sábado tamén foi elixido académico correspondente Clodio González Pérez (Cenlle, 1947), segundo informa a RAG.


Clodio González Pérez, docente de formación, compaxinou este labor cunha "fecunda actividade investigadora e divulgadora", segundo destaca a RAG, no campo da historia e a etnografía, recollida en artigos e libros e recoñecida con numerosos premios.

POWERED BY BIGPRESS