Este luns abreu o prazo de solicitude das subvencións coas que a Deputación de Lugo premia os deportistas individuais da provincia, recoñecendo o esforzo competitivo e que esta convocatoria introduce novos criterios obxectivos. As axudas contan cun orzamento de 75.000 euros, dentro dos cales se duplicou con respecto ao ano pasado a cantidade destinada ao colectivo de deportistas con capacidades diferentes.


Poden acceder a esta bolsa dun importe máximo de 2.000 euros e mínimo de 300, tal e como informa a Deputación, "todos os deportistas da provincia de Lugo que posuíran ficha federativa durante o ano 2015" e que dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2015 participaran "en competicións deportivas oficiais", tanto de carácter provincial, galego, estatal como internacional. Outro requisito é o de manter "na data de presentación de solicitudes a súa actividade competitiva oficial e federada".


Hai catro grupos de beneficiarios: ata 16 anos, de 17 a 25, de 26 a 35 e deportistas con capacidades diferentes. Entre todos eles, o maior orzamento está destinado ao deporte base, ao que se destinan 40.000 euros. Ao seguinte tramo de idade, 20.000 e 10.000 para os deportistas con discapacidade, o dobre que o ano pasado. Os últimos 5.000 son para o tramo de idade de 26 a 35.


A Deputación decidiu establecer novos criterios de valoración para "unha concesión máis transparente e xusta, premiando o esforzo dos deportistas". Así, fixo públicos os baremos para ter en conta "os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais".


O organismo provincial informa de que o prazo de solicitude está aberto ata o 18 de novembro e que se pode acceder á documentación na súa web www.deputacionlugo.gal.

POWERED BY BIGPRESS