A toma de posesión do Presidente Núñez Feijoo atraeu a Galicia dúas das autoridades mais relevantes do Estado. Alí, na sala, estaban Mariano Rajoy, Presidente do Goberno español, e a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor. Ambos os dous, despois do Rey, quen ten recoñecidas polas leis vixentes a máxima representación do Reino de España. Nunca, salvo na ditadura de Franco, Galicia tivera tantos políticos con tanto poder neste país, nin sequera na estrañada Segunda República, que foi cando se lles deu aos galegos a oportunidade de votar o seu Estatuto á altura do de Euskadi e Catalunya.


Por iso, o discurso de Rajoy na toma de posesión do seu amigo Núñez Feijóo, mirouse con lupa, en busca dos inputs que puidesen albiscar para esta terra un raio de esperanza de cara ao futuro inmediato para sacala do "marasmo" na que se atopa e afastala da sensación de envellecemento que a domina, polo que parece, inexorablemente.


De todos é sabido que a maioría absoluta que concedeu Galicia ao partido popular, nuns momentos históricos tan delicados, salvou ao seu líder dunha posible catástrofe política, agravada non só pola carencia dun grupo parlamentario numericamente suficiente, senón por un prusés (así se escribe en Madrid o procés catalán) que presentou ao Estado e ao seu Goberno un reto, que a día de hoxe, ninguén ten a certeza de como vai acabar. Polo que parece, o presidente de Galicia ten reservado no Comité interterritorial un papel primordial para catalizar as aspiracións catalás cara a camiños máis pactistas que case se nos antollan unha auténtica "misión imposible".


Así as cousas, este xornalista, ao escoitar a Rajoy con suma atención, esperaba máis para Galicia. Non porque o presidente se sinta pontevedrés, senón porque unha Galicia próspera e forte economicamente daríalle ao Goberno unha forza moi importante fronte ao independentismo, algo que agora non sucede, salvo pola definición de "home de Estado" de Núñez Feijóo que moitos lle atribuímos. Lembrar o que xa fixo non compensa da ancestral falta de todo na nosa terra, onde os políticos galegos que viaxaron a Madrid a asumir o poder nunca devolveron a Galicia todo o que esta lles aportou en formación e en votos.


Falar dunha lexislatura de acordos e diálogo é o obrigado e loable, pero non o suficiente. Agora toca mollarse, porque vivimos nunha etapa na que "obras son amores", que dicían as nosas nais xa anciás e que as pasaron canutas. E con esa idea na cabeza, o discurso pareceunos "escaso", moi na liña do que os ilustres visitantes de Madrid nos dixeron durante lustros e que non serviu máis que para "parchear" esta terra. Así que, como tamén dixo unha vez Fraga na televisión estatal e que deixou estupefacta á entrevistadora: "se queres pillar rodaballo has de mollar o carallo". Frase que, por ser moi vella, non é por iso menos certa e sobre a que deberá reflexionar, sen dúbida, o Presidente Rajoy e deixarse de floreos apoiando con feitos a nova lexislatura que agora tamén se inicia en Galicia e na que o Partido Popular ten a maioría absoluta. Outro refrán popular: De ben nacidos é ser agradecidos.

POWERED BY BIGPRESS