Carlos López Font, portavoz del Gobierno provincial. //Foto: europapress


A Deputación de Pontevedra cualificou de "escrache" a protesta realizada este martes por unha trintena de alcaldes do PP, que acudiron á institución para reclamar unha entrevista coa presidenta, Carmela Silva, á que acusan de ter un "carácter autoritario e despótico".


Así se pronunciou o portavoz do Goberno provincial, López Font, tras a protesta, que definiu como "unha toma ilegal do Salón de Plenos" e "un escrache en toda regra". Ademais, sinalou como responsable do acto ao presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda.


Pola súa banda, a portavoz do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo, criticou a "falta de respecto total e absoluta" cara aos rexedores populares despois catro meses reclamando ese encontro para falar da repartición de fondos do Plan Concellos.


"Non viñemos de paseo, nin a preguntarlle como lle vai a vida... viñemos falar de algo de vital importancia como é a repartición dos fondos da Deputación", asegurou o alcalde de Rodeiro, Luís López.


Respecto diso, Nidia Arévalo sinalou que os rexedores acudiron no Salón de Plenos "ante a falta de resposta" á súa petición por escrito dunha entrevista para este martes. A presidenta non se atopaba no Pazo provincial e na súa axenda tampouco figuraba esta cita.


"Pedimos diálogo", reiteraron a portavoz popular, que lembrou que os alcaldes demandan unha mesa para negociar o Plan Concellos e criticou que Carmela Silva "está moi afeita dicir unha cousa e facer a contraria".


O PP, "OPOSICIÓN DEDICADA ÁS VERBENAS"


Fronte a iso, o deputado responsable de réxime interno da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, acusou á oposición do PP na institución provincial de estar "centrada en organizar verbenas porque lles gusta moito o chotis".


López Font asegurou que detrás da protesta se atopa o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, "verdadeiro ideólogo dun escrache en toda regra, dunha acción intimidatoria e abusiva, que está a converter ao Partido Popular e ao propio Rueda nun antisistema e escrachista, algo que non se pode tolerar na democracia".


Ademais, lamentou que o PP non se preocupe "nada" pola cidadanía e se dedique a "invadir literalmente, sen ningún tipo de permiso nin autorización, o Pazo Provincial". "Todos os argumentos do PP ante esta chantaxe de verbena, ante esta política de presión, perden credibilidade e forza e non merecen nin resposta, porque a acción que levaron a cabo hoxe tomando literalmente o Pazo Provincial é verdadeiramente indigna", apuntou.


RESPOSTA CARMELA SILVA


Pola súa banda, nunhas declaracións difundidas polo seu gabinete, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou que os alcaldes e deputados do Partido Popular "tomaron por asalto" o Salón de Plenos do Pazo provincial para pedir unha reunión.


"Eu enténdoo como un ataque á democracia, pero tómoo a risa", sinalou Silva, para quen "o Partido Popular converteuse en escrachista", algo que cualificou como "unha cousa espectacular".


Sobre esta cuestión, Carmela Silva censurou que despois do discurso "buenista" pronunciado polo presidente da Xunta no debate de investidura, o primeiro que faga a súa "man de ferro", Alfonso Rueda, sexa mandar á oposición do PP para "tomar unha institución pública".


"Non se pode facer máis o ridículo", engadiu Carmela Silva, quen lembrou que a presidenta da Deputación "está para facer política para a xente e non para responder a este tipo de comportamentos vergoñentos". "Agora os alcaldes do Partido Popular convertéronse nos antisistemas da provincia de Pontevedra", concluíu.

POWERED BY BIGPRESS