A concelleira santiaguesa de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, e o secretario de Médicos do Mundo, Brais Barcia, presentaron este martes o informe 'Catro anos de reforma sanitaria en Galicia'. O dito estudo rexistrou case 2.500 "vulneracións" na atención sanitaria a inmigrantes na comunidade desde o ano 2012.


En concreto, segundo informou nun comunicado o Concello de Santiago, durante o últimos catro anos déronse un total de 2.496 "vulneracións" do dereito á saúde en Galicia no colectivo inmigrante.


Este feito afecta especialmente os maiores de 65 anos porque, en palabras de Barcia, "os ascendentes dunha persoa asegurada perderon o dereito para estar cubertos pola Seguridade Social".


O secretario de Médicos do Mundo tamén afirmou que os inmigrantes "teñen medo de litigar contra o Estado por se iso supón un obstáculo á hora de regularizar a súa situación" e engadiu que os seguros privados non queren aseguralos ou o fan a prezos "absolutamente prohibitivos".


"RECUPERAR A UNIVERSALIDADE"


Por iso, a concelleira de Políticas Sociais defendeu "recuperar o principio de universalidade na atención sanitaria", algo que tamén reivindica Médicos do Mundo no seu informe, á vez que pide "o mantemento dun Sistema Nacional de Saúde con acceso para todas as persoas".

POWERED BY BIGPRESS