Unha axente da Policía Local de Pontevedra foi sancionada con 15 días de suspensión de emprego e soldo por un "abuso de atribucións" ao utilizar o seu cargo para eludir unha multa do guindastre municipal.


Segundo consta no expediente sancionador que acaba de resolver o Concello, a axente tiña o seu coche particular aparcado de forma irregular en zona de carga e descarga da rúa Emilia Pardo Bazán. Cando o guindastre enganchou o coche pediu ao condutor que, en lugar de levalo ao depósito de San Mauro, o deixase aparcado na avenida de Buenos Aires.


No control diario que realiza este servizo non quedou constatado que a muller abonase o custo do enganche do guindastre, 115 euros. Esta conduta, conclúe o expediente sancionador, é unha falta "grave" polo que se resolve sancionala.


A axente traballa habitualmente no servizo de guindastre municipal. Segundo informou o portavoz do Goberno Local, Raimundo González, a afectada admitiu os feitos polo que a sanción entrará en vigor o próximo 1 de decembro. Ademais, deberá pagar o enganche que non foi abonado no seu día.

POWERED BY BIGPRESS