Os 14 deputados do Grupo Parlamentario de En Marea achegarán un total de 15.840 euros ao mes --190.000 euros ao ano-- ao partido instrumental en cumprimento coa Carta Financeira aprobada pola coordinadora desta formación política na súa última reunión.


Concretamente, a carta financeira, estipula unha serie de porcentaxes en función dos salarios dos cargos públicos (o cal serve de aplicación para calquera outro representante á marxe de deputados), en relación ao salario mínimo, que este ano está fixado en 655,2 euros.


O abanico vai desde un 5% (para os que cobren máis de tres salarios mínimos interprofesionais, pero menos de catro SMI), ata aqueles que superen un soldo de nove salarios mínimos.


Desta forma, as contías que teñen que achegar calquera cargo irían desde os 98 euros, no caso dos salarios máis baixos, e desde os 1.769, no caso daqueles soldos máis altos (os que sexan iguais ou maiores aos nove SMI).


Os soldos dos deputados de En Marea oscilan entre os 4.833,49 euros dun deputado 'raso' ou que ostente un cargo na mesa dunha comisión parlamentaria (salvo a Presidencia, que no caso deste grupo non hai). Pola súa banda, a vicepresidenta segunda da Mesa, Eva Solla, gana ao mes 7.620,79 euros; o portavoz parlamentario, Luís Villares, 5.470,85; e os dous viceportavoces, Antón Sánchez e Carmen Santos, cobran, cada un, 5.020,77 euros.


Estes soldos, que se corresponden igualmente cos que cobran o resto dos membros do hemiciclo galego dos demais grupos (en función da súa responsabilidade), complétanse co pago fixo de catro viaxes mensuais (ao Parlamento) por desprazamento ás reunións de grupo, que van en función do lugar de residencia.


ACHEGAS


Desta maneira, a vicepresidenta segunda da Cámara debe doar ao mes 2.286 euros; o portavoz parlamentario, 1.477 euros; e os viceportavoces, 1.205 euros. Mentres, os outros dez deputados teñen que achegar ao partido instrumental 966,7 euros mensualmente.


Así, o total que o grupo parlamentario ten obrigación de transferir cada mes ao partido instrumental ascende a 15.840 euros. A Carta Financeira entrou en vigor tras ser aprobada pola coordinadora provisional, tendo en conta que os órganos de dirección serán renovados en xaneiro, segundo o calendario previsto, en eleccións primarias internas.


OUTRAS CONDICIÓNS DA CARTA FINANCEIRA


Ademais das achegas á formación política, a Carta Financeira tamén estipula que ningún cargo electo poderá recibir obsequios ou agasallos nin aceptar que un terceiro sufrague servizos ou bens para o seu goce que superen os 50 euros.


Esta situación ten a excepción das obrigacións protocolarias, nese caso debe sempre manterse un rexistro público dos agasallos aceptados.


En Marea, ademais, prevé na súa carta financeira dotarse de recursos económicos a través doutras vías, como achegas voluntarias das persoas inscritas, crowfunding, préstamos privados ou microcréditos.

POWERED BY BIGPRESS