A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia o "colapso" das Urxencias Pediátricas no hospital santiagués. Tal e como informan nun comunicado, recibiron o escrito de denucnia de Berta Castaño, nai dun neno paciente que este venres tivo que pasar cinco horas para recibir a atención.
Segundo o comunicado, á fronte das Urxencias Pediátricas "unicamente dous ou tres pediatras están a tentar pasar consulta" aos pacientes que "adoitan amorearse nas salas de espera e demais dependencias na quenda de tarde-noite". A Asociación critica que "independentemente do número de pacientes que se presenten, o persoal é o mesmo e non se reforza nin nas noites con picos de doenzas". Así, denuncian que esta situación reafirma o papel do "paciente como peza periférica e accesoria do sistema" e somete o persoal sanitario "a condicións que lle impiden desenvolver adecuadamente as súas funcións asistenciais".
O caso da área sanitaria de Compostela vén agravado, tal e como sinala a asociación de pacientes, porque a maioría dos seus PAC "non contan con urxencias pediátricas, o que obriga aos pais a acudir ás urxencias do CHUS pasadas as tres da tarde". Así "unha mínima atención que en situacións normais non pasaría da hora, actualmente excede as 5 horas".
Poñen como exemplo o caso deste venres, no que "as consultas se prolongan á madrugada" a pesar de que non se tratou dunha noite "excesivamente caótica, porque hai días non que se presentan bastantes máis pacientes".
Polo tanto, a asociación critica o "proceso de deterioro progresivo" motivado polos recortes e demanda "que se poñan os medios materiais humanos necesarios para que esta situación non se volva producir". Entenden, ademais, que "as carencias que repetidamente se denunciaron con relación ás urxencias de adultos afectan igualmente a calidade asistencial que reciben os nenos na súa sección específica".