Gaizka Garitano compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo. Tal e como informa o club na súa web, o técnico subliñou sobre o partido contra o Real Madrid deste sábado que "vimos equipos como Sporting, Eibar, Villarreal que conseguiron empatar ou estiveron preto. Podemos conseguilo nós. É verdade que hai outros que saen goleados". "Se facemos as cousas ben e se ve un bo Dépor, podemos estar no partido e ter posibilidades", engadiu.


Insistiu o técnico deportivista que máis que pensar no Real Madrid, "temos que pensar en facer nós as cousas ben. A ilusión que temos é ver un bo Dépor no Bernabéu. Que sexamos competitivos". Por iso declarou a intención de que "imos intentar dar a sorpresa", consciente de que "hai moito que perder, porque perderiamos outro partido de liga e temos a necesidade de sumar puntos". "A ver se a inercia nos empurra a conseguir a proeza", desexou.


Nesta liña, apunta que o deste sábado "é un partido no que ademais de xogar ben tes que competir. O día do Atlético de Madrid o equipo foi competitivo. Ademais de xogar ao fútbol tes que ser competitivo, porque se non podes perder nun córner, nunha xogada a balón parado". Así, ve o rival como o "equipo máis físico do mundo neste momento, que ten xente rápida con espacios e, ademáis, grandes rematadores".


Confirma que a base do equipo que inicie o encontro será a mesma que a do pasado luns ante a Real Sociedade, aínda que deixou aberta a posibilidade de que haxa algún cambio: "A idea non variará demasiado e quizais algún nome que poidamos cambiar en base a que xogamos no Bernabéu e necesitamos un tipo de partido que non vai ser o mesmo que o do luns pasado". Dixo que ve importante "ter un plan B", pero defendeu a idea de xogo do Dépor: "nunca nos metemos atrás se non é porque o equipo contrario nos mete atrás".


O equipo marchou esta tarde para Madrid, onde este sábado xoga ás 20:45.

POWERED BY BIGPRESS