Correos foi sancionada, segundo asegura o sindicato CGT, pola inspección de traballo por formalizar contratos 'a dedo' na provincia da Coruña durante este ano 2016.


En concreto, no arquivo que remite aos medios a central, Emprego inicia o procedemento sancionador pola "non apertura de bolsas" e a "utilización abusiva da contratación mediante o sistema de idóneos cando esta é exclusiva de situacións excepcionais".


Nunha nota de prensa, CGT anuncia que comunicará este feito á Fiscalía "para que estude as posibles responsabilidades que poidan ter as persoas que decidiron contratar desta forma irregular".


Segundo os seus datos, un de cada sete contratos na provincia coruñesa o presente exercicio correspondeuse cunha persoa "que non pasou ningún tipo de proceso selectivo".


Respecto diso, lembra que en diferentes ocasións solicitou a Correos que abrise as bolsas de contratación á cidadanía, "ou, en todo caso, que acudise aos sistemas públicos de contratación".


"Queremos chegar ao fondo deste asunto e pedir as responsabilidades pertinentes ás persoas que autorizaron a utilización de diñeiro público para contratar e tamén cales foron os criterios de selección que se seguiron para contratar a esas persoas", conclúe.

POWERED BY BIGPRESS