Unha muller de máis de 80 anos de idade con factores de risco e vacinada é a primeira persoa falecida por gripe na tempada actual na Comunidade galega, segundo o último informe de 'Vixilancia da gripe en Galicia' publicado polo Sergas --correspondente á semana que rematou o 25 de decembro--.


A tempada de gripe en Galicia acumula 50 ingresos hospitalarios, dos cales o 94 por cento foron virus da gripe A --dos que 27 foron subtipados e corresponderon a AH3N2--.


O informe do Sergas, recollido por Europa Press, indica que dos 40 pacientes ingresados en Galicia que tiñan indicada a vacina antigripal, o 50 por cento non a recibira.


Ademais, necesitaron asistencia en UCI cinco casos; tres dos cales tiñan a vacina indicada pero non a recibían; unha tíñaa indicada e xa lla administraron e o cuarto caso non a tiña indicada.


Segundo os datos recolleitos ata o 25 de decembro, rexistrouse un ascenso desde o inicio da tempada do número de chamadas atendidas polo 061 por gripe e infeccións respiratorias agudas.


En canto á vixilancia microbiolóxica, de 194 mostras analizadas en laboratorios hospitalarios en Galicia, 21 foron positivas para o virus da gripe A, das que 15 das 16 subtipadas foron AH3N2 e unha, AH1N1. Para o Sergas "os datos parecen indicar o comezo da onda desta tempada".

POWERED BY BIGPRESS