O deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, asinou un convenio co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, para a xestión integral do ecomuseo do Forno de Forte de Buño e outro acordo similar co alcalde de Cabana, José Muíño, con respecto ao Dolmen de Dombate.


Segundo informa o organismo provincial, desta forma, transfírese aos concellos a xestión dos bens culturais de titularidade provincial para que organicen as visitas e servizos de guía; programen actividades; fomenten o estudo e a investigación do patrimonio da zona, ademais de encargarse do mantemento e conservación dos mesmos durante o ano 2017.


A institución provincial achegará 120.000 euros aos concellos de Malpica e Cabana de Bergantiños para cubrir os gastos de xestión, cunha partida de 60.000 euros para cada un deles.


Ademais, a Deputación da Coruña aprobou a renovación dos convenios de xestión dos centros de interpretación do río Mandeo situados en Teixeiro, en Curtis, e Chelo, en Coirós.


O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, asinou ambos os convenios cos alcaldes de Curtis, Javier Francisco Cainzos, e Coirós, Francisco Quintela.

POWERED BY BIGPRESS