O Plan Xacobeo asinou, ao longo do pasado ano 2016, máis de 20 convenios de colaboración con asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de todo o mundo para a promoción da Ruta Xacobea nos cinco continentes.


Así, grazas a estas colaboracións, desenvolvéronse varias actividades en diferentes puntos do planeta como xornadas e coloquios, exposicións ou a edición de revistas e material informativo sobre o Camiño de Santiago.


Segundo informou a Xunta, as asociacións de amigos do Camiño forman "máis de 300 colectivos" repartidos polos cinco continentes. En Holanda existen "máis de 12.000 afiliados" á asociación de amigos do camiño e, en Estados Unidos, a American Pilgrims ten "34 capítulos repartidos" polos diferentes estados do país norteamericano.


O obxectivo que persegue Turismo de Galicia con estes convenios é fomentar "todas as actividades dirixidas a divulgar e estudar aspectos relacionados co Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo".

POWERED BY BIGPRESS