A Xunta vén de pór a disposición dos galegos o sistema de notificacións electrónicas 'Notific@', servizo que permite o envío de comunicados fidedignos con acuse de recibo e selo electrónico da Administración autonómica.


Segundo informou este venres a Xunta, o desenvolvemento destas actuacións está enmarcado no Plan de Goberno e Administración Dixital 2020, que unha vez completado estiman que axudará a aforrar "máis de 41 millóns de euros".


Este plan púxose en marcha no 2015 co obxectivo de lograr unha administración máis "accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades da sociedade e eficiente no uso dos recursos públicos".


Así mesmo, a Xunta tamén explicou que a implantación deste sistema é un dos requirimentos da lei 30/2015, que establece a obrigación de relacionarse de forma electrónica para determinados colectivos (persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, profesionais con colegiación obrigatoria e empregados públicos).


FUNCIONAMENTO DE NOTIFICA.GAL


Pola súa banda, aquelas persoas que non teñan esta obrigación poderán elixir o modo de notificación que prefiran, ben a través de Notifica.gal ou vía postal. A norma tamén establece un prazo de dous anos, entre outubro de 2016 e o mesmo mes de 2018, para "consolidar" unha administración na que os procedementos electrónicos sexan algo "habitual e non unha excepción".


Notifica.gal funciona como unha dirección electrónica na que "o usuario só ten que darse de alta, ben a través do formulario de iniciación do procedemento administrativo correspondente ou en calquera momento a través do propio sistema".

POWERED BY BIGPRESS