Ola John e Jozabed. //Fonte: RC Deportivo e RC Celta


O holandés Ola Jonh pasou esta mañá as probas médicas e convértese na primeira incorporación deportivista do mercado de inverno. Chega á Coruña para reforzar a banda esquerda e asinou ata o 30 de xuño, con opción de compra, tal e como informa o Deportivo na súa web.


Nas súas primeiras declaracións aos medios de comunicación, no propio hospital HM Modelo da Coruña, o futbolista confesou estar "contento de estar aquí nun gran club, cunha gran historia. A liga española é unha gran liga". Manifestou que todas as persoas coas que falou "déronme boas sensacións do club. Hélder Costa e Ivan Cavaleiro dixéronme que moi ben o club".


A nivel físico, Ola John explicou que acaba de superar unha lesión nos isquiotibiais. "Necesito unha semana para estar preparado para xogar", aclara. E defínese como un futbolista de banda esquerda: "Gústame centrar, darlle o balón aos dianteiros, ir ao un contra un".


A súa chegada ao Dépor vea como unha oportunidade de "coller minutos e demostrarlle ao adestrador que merezo eses minutos". Preguntado sobre o futuro na Coruña máis aló do 30 de xuño, recalca Ola John que "iso vai depender de como transcorra a tempada. Se o fago ben, se marco goles, verédesme aquí a próxima tempada".


JOZABED, AO CELTA


Tamén está en Vigo xa o primeiro dos reforzos do Celta. Jozabed Sánchez, presentado ás 5 desta tarde en Balaídos, chega para sumar efectivos á parcela ofensiva.


O sevillano, de 25 anos, xa adestrou esta mañá na Madroa. Fixoo en solitario. Jozabed destacou no Raio Vallecano, onde marcou 10 goles a temporada pasada. O Fulham inglés fichouno por 4 millóns pero non tiña minutos. Asina contrato co Celta polo que resta de temporada e unha máis, ata o 2018.


Na súa presentación, o xogador asegurou estar "preparado desde xa para debutar", consciente da acumulación de partidos do seu novo club, que segue vivo nas tres competicións. "Veño a un club con moi bos xogadores", afirmou, insistindo en que "o Celta é un club serio e cun estilo de xogo moi bonito, un dos mellores de España".


Sobre si mesmo dixo que lle gusta "xogar no centro do campo", que é "ofensivo e con chegada" e que se adapta ben á mediapunta.

POWERED BY BIGPRESS