A asociación ecoloxista Arco Iris criticou as "manipulacións" do Clúster da Madeira de Galicia, pois, ao seu xuízo, "unicamente obedecen á intención da patronal madeirista de tratar de minusvalorar o peso real desta especie invasora ante a opinión pública e os produtores".


Nun comunicado, a asociación ecoloxista denuncia que, mediante esta intención, transmítese "unha imaxe totalmente nesgada e irreal do monte galego". "Esta manobra trata de favorecer novas plantacións masivas, que contarían coa inestimable axuda da Dirección Xeral de Montes, que non persegue nin sanciona o aumento do eucalipto á conta das frondosas autóctonas".


Por iso, o colectivo ecoloxista solicita que no texto definitivo do borrador de Decreto Regulador de Novas Plantacións de Eucalipto se considere esta especie como "alóctona e invasora", cuxa presenza nos montes de Galicia "roza xa os límites do tolerable".


Do mesmo xeito, defende, entre outras cousas, que se debe promover "un aproveitamento completo do ciclo do eucalipto", incluíndo "como condición inescusable" á empresa Ence para a súa permanencia na Ría de Pontevedra "a inclusión dunha liña de produción de papel que achegue un valor engadido do que, a data de hoxe, carécese".

POWERED BY BIGPRESS