A Xunta licitou a construción dun novo edificio na ampliación do barrio vigués de Navia, un inmoble de 172 vivendas no chamado polígono 2 da actuación, e cun investimento de 35,2 millóns de euros.

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu o acto en que se confirmou esta licitación, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, así como de representantes institucionais e de colectivos sociais e veciñais.

O novo edificio ten un prazo de construción de 30 meses, contados a partir da adxudicación que, segundo expresou Rueda, será "canto antes". Ademais, as obras de urbanización do polígono xa están en marcha e a previsión é que finalicen en maio.

O inmoble albergará 172 vivendas, de 2, 3 e 4 dormitorios, con garaxe e trasteiros, e contará con varios portais de acceso e un patio interior, que permitirá mellorar as súas condicións de ventilación e iluminación.

Estes pisos súmanse, explicou o presidente galego, aos 900 que xa están marcha no barrio de Navia (309 en construción, 395 en fase de licitación e outros 395 con licitación próxima), e que se ampliarán até 1.600 vivendas novas nesta zona de Vigo.

Ademais, lembrou que o goberno galego proxecta tamén en Vigo outras 3.400 vivendas nos ámbitos do Ofimático e en Ramón Neto, de promoción privada e con apoio público.

"Seguimos traballando, ás veces é mellor non facer ruído e facer as cousas", proclamou, á vez que reafirmou o compromiso da Xunta coa construción de vivenda pública en Vigo, a cidade de Galicia con maior número de demandantes.

Igualmente, Alfonso Rueda puxo en valor outras actuacións do seu goberno na cidade olívica, como o recentemente inaugurado CIS Olimpia Valencia, a recuperación do Teatro Cinema Fraga, o desenvolvemento da ETEA ou o IES Domingo Villar, que se construirá tamén en Navia e que está pendente de licenza municipal.

POWERED BY BIGPRESS