#Claves de la semana
LOITA CONTRA O CANCRO KIMO-KAP

A toda cor contra o cancro

Olalla Sueiro, de As Pontes(Coruña) xestiona a delegación de Kimo-Kap Galicia, unha iniciativa que fomenta a doazón de fíos e teas para deseñar gorros para os nenos oncolóxicos que perderon o pelo


|

Olalla Sueiro mostra un modelo de gorro e varios cartóns

Hai ideas cheas de tenrura. A pontesa Olalla Sueiro empezou a coser hai dous anos e a través das redes sociais descubriu un proxecto solidario deses que fan caer algunha bágoa pero enchen a vida de sorrisos en días complicados. E embarcouse en Kimo-Kap, unha rede de voluntariado e solidariedade que loita contra o cancro a todo cor coa doazón de gorriños para os nenos oncolóxicos que perderon o pelo ou, como ela mesma explica, "para que os nosos pelóns -como lles chaman cariñosamente- cubran a súa cabeza, con amor e alegría".

Desde o pasado mes de febreiro, Olalla é a encargada da delegación de Galicia. En total, hai 31. Están repartidas por toda España e incluso unha chegou alén do Atlántico, con sede en México, e o obxectivo de todas é o mesmo: chegar a todos os nenos ingresados nos hospitais aínda que a realidade sexa dura e as cifras moitas veces demasiado elevadas para dixerilas.

"O proxecto naceu en maio de 2014 a través dunha moza voluntaria nun hospital de Madrid que se deu conta de que existía unha necesidade porque os nenos oncolóxicos ían con gorriños de la no verán e ou non había moitas máis alternativas ou eran carísimas. Así que decidiu apostar por algo máis finito e divertido", explica a delegada de Kimo-Kap Galicia, que indica que se se quere colaborar, pódese axudar de moitos xeitos.

"Hai xente que envía os gorros-bandanas xa feitos, pero hai outras moitas formas de axudar. Algúns, os que non saben coser, colaboran doando teas ou fíos. Outros, que non poden comprar, colaboran cosendo. E outros mandan a tea co patrón xa cortado para acelerar o proceso", explica Olalla. Os únicos requisitos, indica, é que as teas sexan 100% algodón e a todo cor. "Teñen que ser alegres", di, mentres comenta que o único que non se permiten son doazóns económicas.

"A resposta da xente está a ser moi boa, pero se necesita dar a coñecer o proxecto para que todos se impliquen. Ao principio sempre custa máis concienciar á xente, pero neste caso, quizais por falar de nenos, hai moi boa colaboración", explica esta moza pontesa, que recoñece que a nivel persoal "é un pouco complicadiño" e trae da man "moitas choreiras". "De momento non tiven contacto directo cos nenos, pero si coas nais, que son un encanto, e acábaste involucrando", di.

Na súa loita por axudar a facilitar o día a día dos pequenos oncolóxicos e as súas familias, trata de publicitar a iniciativa a través das redes sociais -ten páxina de Facebook e Twitter-, asistindo a feiras ou creando eventos para enganchar á cadea solidaria a máis persoas dispostas a achegar o seu graniño de area.

"Sempre utilizamos o mesmo patrón. Hai tres tallas diferentes dependendo da idade e adóitanse facer reversibles, lisos por unha banda e estampados polo outro", explica Olalla, que recorda que os deseños están colgados en internet e a disposición de toda a xente -do mesmo xeito que os tutoriais- para que os poidan imprimir e traballar sobre eles. A maiores, os seus envíos complétanse con mensaxes para arrincar sorrisos.


"Enviamos un cartón na que se indica quen doa a tea e quen fai o kimo-kap e outras de ánimo con mensaxes que fan outros nenos. Agora estamos a empezar a introducir tamén bonequiños para aproveitar os retais que nos sobran",
explica.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE