Cadea para os dous detidos pola morte dunha muller na Pobra

|

A titular do Xulgado Mixto Número 1 de Riveira (A Coruña) acordou, o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza das dúas persoas detidas en relación á morte dunha muller cuxo cadáver foi atopado nunha leira da Pobra do Caramiñal na noite do domingo con feridas de arma branca.


Así o decretou a xuíza tras tomarlles declaración este mércores á parella detida e imputou a ambos un suposto delito de homicidio.


Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xulgado abriu, ademais, outras dilixencias polo achado de sustancias estupefacientes no rexistro domiciliario realizado na casa dos detidos.


Julissa, a muller dominicana morta en A Pobra


A parella detida en relación coa morte desta muller de nacionalidade estranxeira veciña de Riveira de 39 anos chegou na mañá deste mércores ao xulgado por separado cuns minutos de diferenza e, ante a presenza de medios de comunicación e familiares e amigos da vítima, tapáronse o rostro. 



Os detidos estaban citados a partir das 9,30 horas no Xulgado Mixto Número 1 de Riveira, en funcións de garda cando ocorreron os feitos, para pasar a disposición xudicial.


AUTOPSIA E REXISTRO

O resultado preliminar da autopsia indicou que a vítima, de 39 anos de idade, dominicana e veciña da localidade coruñesa de Riveira, faleceu como consecuencia de feridas de arma branca.


Foi na noite do domingo, pasadas as 21,00 horas, cando o dono dunha leira atopou o corpo da muller, de nacionalidade dominicana, cando se dirixía a regar no lugar da Fandiña. A vítima presentaba varias coiteladas no costado.


Tras a súa detención, na tarde do luns realizouse un rexistro do domicilio dos dous arrestados en relación á morte da muller, onde se acharon sustancias estupefacientes.


Precisamente sobre a hipótese de que o crime se debese a un axuste de contas por unha débeda relacionada coas drogas, amigos e familiares reivindicaron xustiza ás portas do xulgado de Riveira onde pasou a disposición xudicial a parella detida e rexeitaron que a vítima traficara con drogas.


PISTOLA

Ademais, segundo informou a Garda Civil, no rexistro levado a cabo no domicilio dos detidos incautáronse dunha pistola e de “numerosas pezas con restos biolóxicos”, que están a ser analizados polo servizo de Criminalística do Instituto Armado.


As mesmas fontes sinalaron que foron axentes adscritos á Unidade de Policía Xudicial da Coruña e Noia os que, apoiados pola área de Investigación de Boiro, detiveron o luns a estes dous veciños da Pobra como presuntos autores do homicidio da veciña de Riveira achada morta nunha leira. A ambos lles imputan tamén tenencia ilícita de armas, segundo precisa a Benemérita.


As detencións, segundo concretou a Garda Civil, “producíronse ás poucas horas” do achado do cadáver da vítima nunha leira da Pobra o pasado domingo. A parella arrestada foi enviada á prisión coruñesa de Teixeiro tras pasar a disposición xudicial no Xulgado Mixto Número 1 de Riveira.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress