NA CIDADE PORTUGUESA DE BRAGA

Villares defende o iberismo na investidura como doutor honoris causa pola Universidade do Minho

|

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, foi investido, o pasado venres en Braga, doutor honoris causa pola Universidade do Minho. No acto de investidura, Villares pronunciou un discurso no que proclamou a necesidade de "desandar vellos camiños e propiciar unhas relacións galaico-portuguesas que recuperen a perspectiva global que defendía Castelao cando falaba dunha Hespanha na que o hispanismo englobase todas as culturas e linguas da Iberia. Esa perspectiva chamouse no século XIX iberismo e algunhas das súas utopías poden ser recuperadas no noso século no que o mundo se cualifica como algo “plano” e “desterritorializado”, isto é, aparentemente sen fronteiras pero necesitado de valores".


O punto de partida da constitución histórica de Portugal, segundo o presidente do Consello da Cultura, que se dirixiu ao público en lingua galega, "é xustamente a creación no século XII dunha fronteira no norte, no epicentro da antiga provincia da Gallaecia romana, cando a carreira cara ao sul estaba a comezar de forma decidida por parte dos reinos cristiáns da península. Esta é a cuestión central para entender semellanzas, distancias ou mutuos “desdéns”.

Explicou Villares que a fronteira miñota non foi debida a unha continxencia histórica senón que foi o resultado de forzas profundas que explicarían a súa fortaleza e mesmo a súa permanencia ata os nosos tempos. "Trazada precozmente nos tempos medievais, nunca foi de todo impermeable", precisou insistindo en que foi ao mesmo tempo límite e lugar de paso, para mercadorías e para as persoas, contrabandos e exilios, "de modo que máis que dun limes pouco franqueable, a fronteira converteuse nun espazo de convivencia e non de confrontación".

A posición da cultura galega foi moi proactiva nas súas relacións con Portugal, manifestou o presidente do CCC, nomeadamente nos anos vinte e trinta, grazas á existencia en Galiza de plataformas culturais e políticas, como as Irmandades da Fala, o grupo Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Nas relacións literarias galego-portuguesas tiveron excepcional importancia algúns membros das Irmandades da Fala (A. Villar Ponte, J. V. Viqueira, Alvaro Cebreiro) e do grupo Nós (Vicente Risco), que conectaron con Leonardo Coimbra, Hernâni Cidade e, designadamente, con Teixeira de Pascoaes.

Ademáis, engadiu Ramón Villares, houbo tamén un tímido movemento de reintegración a Portugal como referente positivo para a construción da ideoloxía nacionalista galega. "Desde a primeira asamblea das Irmandades da Fala (1918) ata o Sempre en Galiza (1944) de Castelao, flúe en Galiza unha corrente político-ideolóxica que apela a Portugal como un factor esencial para unha futura confederación ibérica e como alternativa ao referente negativo que para o nacionalismo galego supuñan Castela e o seu imperialismo cultural exercido sobre a cultura galega".


"Grazas ao contacto coa cultura e coa historiografía portuguesa", confesou Villares, "foime dado coñecer mellor Portugal pero tamén a historia da miña Terra galega. Permitiume entender que a creación da fronteira na Gallaecia non foi algo arbitrario, senón que marca dúas estratexias totalmente diferentes, unha máis dinástica e política, outra máis eclesial e cultural. Non é do caso xulgar o acerto ou desacerto de cada unha delas, senón de subliñar o feito de que esta fronteira gozou de longa e mesmo pacífica vida porque as elites de ambas as beiras do Miño foron capaces de crear trazos identitarios específicos sobre un fondo común, desde o territorio ata a lingua ou a relixiosidade. Os pasos dados polos nosos devanceiros para ignorar a primixenia identidade común da antiga Gallaecia foron consecuencia do trazado da fronteira, pero tamén se deben ter en conta as tentativas de reconstruír pontes de entendemento entre ambas as beiras do Miño".

Ramón Villares afirma que a identidade común das terras da antiga Gallaecia aínda está vixente nos nosos tempos, e por todo iso conclúe que deben ser recuperadas algunhas das utopías.


O profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Ramón Villares incidiu no seu discurso na necesidade de derrubar os muros simbólicos que separan a Galicia de Portugual. “En termos linguísticos e culturais, isto implica a admisión, polos galegos, que debemos camiñar en dirección a Portugual sen renunciarmos ao patrimonio da lingua e da cultura galegas, mentres que a cultura portuguesa debe ser capaz de incorporar ao seu imaxionario a cultura e língua galegas”. Reclamou percorrer en sentido contrairo os vellos caminos ao tempo que rematou cuns versos do poeta Miguel Torga. O seu discurso estivo marcado por constantes referencias a figuras da historia, da política e da cultura como o arcebispo Xelmírez, Castelao, Vicente Risco, Fernando Pessoa, António Medeiros, entre moitos outros.


O profesor José Viriato Capela foi o encargado de pronunciar a laudatio, o discurso de eloxio do doutorando, de quen dixo “é hoxe unha das referencias da Historiografía Hispánica, cuxa contribución, e de outros da súa xeración, a historiografia espanhola recuperou do seu atraso e se colocou ao mais alto nivel da Historiografía Europea e Universial”. Ademais, destacou do seu traballo “esa enorme paixón pola historia, que en textos de rara beleza e polifonia, na súa castiza língua galega chea de cores e sonoridades nos embriada nese sentimento de vivir, sentir e amar a Historia”.


Antes da leitura da acta do doutoramento, o reitor da Universidade do Minho, Antonio Cunha, destacou na súa intervención que era unha homenaxe “a un home, a un pobo e á súa cultura”. Lembrou ao pasado común, dividido pola historia cunha relación que cualificou de “forte e estrana” e que se debe desenvolver nun marco de modernidade e de apertura ao mundo global.


Foi un acto cargado de gran simbolismo acompanhado polo cuarteto de cordas da Real Filharmonía de Galicia, polo Coro Académico e do grupo de estudantes do Departamento de Música da Universidade do Minho.


A distinción Honoris Causa que lle outorgou a Universidade do Minho ao catedrático e presidente do Consello da Cultura Galega concédese a “personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional”. Villares foi proposto polo Instituto de Ciências Sociais e os membros da comisión científica do Senado Académico da Universidade portuguesa acordaron por unanimidade concederlle a distinción que recibiu esta tarde.


Biografía de Ramón Villares


Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 1987 e experto en historia agraria, historiografía e historia xeral de Galicia. Desde o ano 2006, é tamén presidente do Consello da Cultura Galega.


Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994, e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002).


Foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e, desde 2006, é membro numerario da Real Academia Galega. Tamén pertence a varios padroados de centros e de fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luís Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros).


É autor de numerosas publicacións, entre as que destacan libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (Siglo XXI Editores, Madrid, 1982); Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia(Edicións Xerais, Vigo, 1982); Galicia. A Historia (Editorial Galaxia, Vigo, 1984); Figuras da nación(Edicións Xerais, Vigo, 1997); El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX (Editorial Taurus, Madrid, 2001) ou Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (Fundación Otero Pedrayo/Real Academia Galega, 2007). Xunto con Javier Moreno Luzón, é autor de Restauración y Dictadura, que se integra na colección Historia de España (Crítica/Marcial Pons), que codirixe con Josep Fontana.


Na súa faceta investigadora destaca ter dirixido máis de vinte teses de doutoramento, investigador principal de sete proxectos, ter participado en numerosos comités de avaliación de programas de entidades como DGICYT, Xunta de Galicia, AGAUR de Cataluña ou o FYCIT de Asturias. Foi consultor externo de entidades como o Instituto de Ciencias Sociais (Universidade de Lisboa) desde 1999 ata 2010. Realizou estadías de investigación na Università di Bologna (1989) e na EHESS de París (2001).

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress