INVESTIGACION UNIVERSITARIA

Nas redes sociais tamén se investiga

|

Dafonte, Puentes e Míguez analizaron o uso das redes sociais académicas


Ademais de para manterse en contacto ou compartir vivencias, as redes sociais tamén serven para investigar. De feito, existen espazos específicos, como ResearchGate ou Academia.edu, onde investigadores e investigadoras de todo o mundo difunden os seus artigos e estudos, o que as converte a súa vez nun campo de análise en si mesmo para aqueles e aquelas que teñen na comunicación o seu obxecto de estudo. Ese é o caso do grupo Necom da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que vén de constatar que máis do 50% do persoal docente e investigador do ámbito da comunicación das tres universidades galegas emprega estas redes académicas.


Xunto ao grupo de investigador Mile, da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, Necom forma parte da Rede Internacional de Investigación de Xestión da Comunicación (Xescom), que coordina o profesor da Universidade de Santiago Francisco Campos e que tamén integran o grupo Novos Medios da USC e Imarka, da Universidade da Coruña. Unha rede que conta con financiamento da Xunta de Galicia e que “ten entre os seus obxectivos fundamentais a investigación da comunicación nas redes sociais”, como explica o profesor de CCSS e da Comunicación Iván Puentes. E como punto de partida nesta liña de traballo, desde o grupo que dirixe o profesor Xosé Rúas optaron “por saber como estamos nós, cal é a presenza dos investigadores en comunicación nas redes académicas máis importantes”.

Unha porcentaxe significativa

Para este “traballo preliminar” estudaron a presenza de 101 docentes das áreas de Comunicación Audiovisual, Publicidade e Xornalismo en Academia.edu e ResearchGate e os resultados desta análise veñen de ser presentados en Aveiro, na décima Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (Cisti 2015), na que Xescom organizou un workshop sobre comunicación e xornalismo en redes sociais no que os diferentes grupos da rede presentaron unha serie de estudos. Entre eles, o realizado respecto do uso dunhas redes “con moitas potencialidades para incrementar a difusión da investigación” polos profesores Iván Puentes, María Isabel Míguez e Alberto Dafonte, e outro no que Xosé Rúas e Jesús Pérez constataban que a estrutura das webs analizadas correspondíase cos criterios de deseño do eye-tracking, dispositivo que permite coñecer o comportamento do ollo ante un estímulo visual.


Segundo comprobaron Puentes, Míguez e Dafonte, destes 101 docentes, 39 mulleres e 62 homes, o 50,5% dispuñan dun perfil nunha destas redes académicas; un 23% en Academia.edu, un 9% en ResearchGate e case o 19% en ambas. “Parécenos un dato importante, tendo en conta que, no mundo académico, as redes sociais son unha relativa novidade”, recoñece Puentes, que incide tamén en que o da investigación é “un mundo que se vén movendo desde hai décadas por canles moi regulamentadas como son as revistas científicas indexadas”.

Da análise realizada, extraese tamén que a porcentaxe de investigadores que empregaban algúns destes canais na UDC era de preto do 70%, mentres que no caso de Vigo roldaba o 50% e na USC situábase no 40%. Mais, como explica Puentes, non todos os investigadores cun perfil activo facían o mesmo uso do mesmo. “O 33% nunca colgaran un documento”, salienta este docente, que apunta que, polo de agora, estas redes estanse a empregar fundamentalmente “como repositorio do coñecemento publicado previamente nos medios convencionais”. Así mesmo neste informe, tamén se constatou que a porcentaxe de investigadoras da área da comunicación que empregan estas redes académicas é superior á de investigadores, así como que, pola contra, son estes últimos os que colgan un maior número de documentos nas mesmas.

Un campo no que continuar afondando

“Isto deunos a radiografía de como estamos e agora o que queremos facer é saber como están outros para logo, nun terceiro paso, analizar como hai que estar, que partido lle podemos sacar a estas redes” salienta Puentes respecto do estudo levado a cabo no marco da rede Xescom. Neste senso, este investigador fai énfase no potencial destas redes á hora de “difundir a ciencia cunha distribución libre e gratuíta”, así como na súa capacidade para “poñer en contacto a investigadores de diferentes partes do mundo que están traballando nos mesmos temas”. Mais, ao mesmo tempo, Puentes tamén apunta á “parte negativa” destas redes, como é o feito de que, “fronte as revistas científicas de prestixio, que teñen uns criterios de calidade, nas redes sociais pódese colgar practicamente calquera estudo”, o que o leva a concluír que, “pese a que as súas potencialidades son moi importantes, a día de hoxe non son, nin moito menos, substitutivas das canles habituais de difusión da ciencia”. 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress