#Claves de la semana
OURENSE

A gañadora do XII Premio "Pura e Dora Vázquez", agradece ás dúas escritoras ourensás "o feito de que abriran camiño na narrativa infantil"

Manuel Baltar entregou o galardón á escritora Eli Ríos e á ilustradora Patricia Román propoñendo que a partires de agora o acto se faga nos centros educativos ourensáns


|

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou hoxe o Premio "Pura e Dora Vázquez" á escritora coruñesa Eli Ríos e á ilustradora de Ciudad Real Patricia Román, galardoadas na XII edición deste certame, un dos máis importantes da literatura galega no ámbito infantil e xuvenil e que o goberno provincial organiza co obxectivo de recoñecer o legado das escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez e promover a lectura entre os máis novos. Nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, Manuel Baltar propuxo que a partires da vindeira edición "o acto de entrega do premio se celebre nun centro educativo da provincia de Ourense para achegar aínda máis este recoñecemento aos seus destinatarios: o público infantil e xuvenil".


O presidente do goberno provincial felicitou as galardoadas e resaltou o explicitado polos xurados, "a alta calidade literaria e artística dos traballos premiados: o texto Bicha, de Eli Ríos, e as ilustracións de Patricia Román, baseadas no traballo narrativo da primeira". Baltar destacou que este premio "louba a traxectoria de Pura e Dora Vázquez e todo o que elas significaron nos ámbitos do ensino e a cultura, e nos leva a seguir mantendo viva a súa memoria, a súa obra e o seu compromiso coa nosa terra".


O presidente da Deputación tamén subliñou o feito de que foran dúas mulleres as premiadas este ano, "un motivo máis de orgullo", como o feito, dixo, "de que esteamos a celebrar xa a 12ª edición dun galardón que entregamos precisamente hoxe, 17 de xullo, data na que se cumpren 62 anos da apertura do parque temático infantil "Disneyland".


Pola súa banda, Eli Ríos dixo no seu discurso que este premio "ten unha significación moi especial para min porque lembra a figura de dúas mulleres que abriron camiño na narrativa infantil, un xénero tan maltratado", e agradeceu á Deputación de Ourense o impulso que da con este premio á literatura feita para os máis novos "porque nos da visibilidade aos escritores que gozamos escribindo para nenos e xóvenes". Patricia Román afirmou que foi todo un reto "ilustrar esta historia para nenos pre-adolescentes, porque tiven que documentarme sobre as preferencias que teñen na actualidade os mozos e mozas desta idade, tan implicados como están nos temas sociais". Neste senso, destacou que a súa obra ilustrativa "está feita con máis realismo do que adoita traballar, pero sen perder a maxia e a fantasía".


Tamén tivo unhas palabra de agradecemento para o presidente Baltar e para a Deputación de Ourense o fillo de Dora Vázquez, Antonio Alejo Rodríguez Vázquez, quen animou ás premiadas a seguir "por ese camiño de excelencia e creatividade" e á Deputación "a continuar coa súa labor cultural de manter o nome de Pura e Dora Vázquez sempre presente na nosa literatura".


O xurado do premio "Pura e Dora Vázquez" -galardón dotado con 1.500 euros e diploma para cada unha das modalidades- destacou no caso da obra Bicha, de Eli Ríos "o atractivo dos seus personaxes para o lector e a importancia que o relato da a amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio". De todos os textos presentados ao premio, o xurado destacou a gran calidade literaria e salientou a dificultade que isto supuxo na elección. A gañadora foi seleccionada de entre dúas obras que competiron ata o final, sendo elixida finalmente Bicha por maioría.


No caso do traballo de ilustración de Patricia Román –quen gaña o premio por segundo ano consecutivo- o xurado fixo mención á orixinalidade das ilustracións, "que se adaptan moi ben ao texto premiado na modalidade literaria e axudan a narrar a historia", ademais de destacar "a técnica empregada para a realización das ilustracións –debuxo a man coloreado dixitalmente- e a calidade do conxunto da obra".

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE