#Claves de la semana
NA CASA DAS CAMPAS, EN PONTEVEDRA

Universidades galegas e lusas tecen, en Pontevedra, unha "rede de cooperación intelixente"


|

Corbacho, Mato e Fouces, na inauguración deste encontro internacional


“Comezar a crear unha rede de cooperación intelixente para o desenvolvemento, iso é o que queremos que naza aquí”. Este foi o desexo que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, trasladou aos e ás representantes de diferentes universidades galegas e lusas na inauguración do primeiro Encontro Internacional de Cooperación Universitaria SUG-Norte de Portugal, que este xoves deu inicio na Casa das Campás.


Poñer en contacto aos diferentes axentes que traballan no eido da cooperación nas institucións académicas de ambos lados da raia é o obxectivo central destas xornadas organizadas pola Universidade de Vigo no marco das actividades da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD).


O desenvolvemento de proxectos de investigación en países en vías de desenvolvemento, a transferencia do coñecemento e a cooperación con universidades de diferentes partes do mundo, a formación dos e das axentes que traballan neste eido ou o propio traballo de sensibilización e concienciación do alumnado son só algúns dos moitos ámbitos nos que as universidades poden contribuír á cooperación para o desenvolvemento. Un labor no que, “canto máis sumemos esforzos, máis efecto multiplicador van a ter as nosas accións”, como lembrou o reitor na inauguración dun encontro que conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta e no que participan representantes das universidades de Porto, Minho ou Trás-os-Montes e Alto Douro, xunto con membros de diferentes ONG, do Instituto Camões portugués ou dos politécnicos de Viana do Castelo e Bragança.


Asistentes o encontro Internacional de Cooperación Universitaria 


COMPARTIR VISIÓNS NUN ESPAZO TRANSFRONTEIRIZO


Articulado nunha serie de mesas redondas nas que se analiza o papel das universidades neste eido e a súa colaboración coas organizacións non gubernamentais e nas que se exporán unha serie de experiencias levadas a cabo polas diferentes institucións, este encontro internacional ten como obxectivo debater o papel que as universidades poden xogar como un axente diferenciado de cooperación en eidos como a sensibilización, a participación, a formación e a investigación, segundo sinala o técnico de Cooperación da Universidade Marcos Ulloa, para, a partires de aí, “ver espazos que espazos de oportunidade existen para desenvolver iniciativas conxuntas”, como engadiu o reitor.

“Se somos capaces de integrar as nosas miradas e definir políticas e estratexias que nos envolvan a todos poderemos acadar obxectivos moito máis ambiciosos, dunha forma máis multidisciplinar e máis global”, salientou Mato na apertura dun encontro no que salientou que a eurrorexión Galicia-Norte de Portugal “é o espazo transfronteirizo que mellor funciona en Europa”. Por iso, puxo de relevo as “moitas expectativas do que seredes capaces de propoñer e promover” que a Universidade deposita nos participantes nesta xuntanza, que Mato inaugurou xunto coa concelleira de Educación, Carmen Fouces, e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, quen expresou tamén o seu desexo de que estas dúas xornadas de “intercambio de experiencias sirvan para buscar e fortalecer alianzas”.


POLA CONSTRUCIÓN DUN COÑECEMENTO "SOCIALMENTE VÁLIDO"


“A universidade non só debe querer comprender o mundo, senón tamén transformalo”, salienta neste senso Júlio Santos, coordinador do Centro de Recursos para a Cooperación e o Desenvolvemento da Universidade do Minho, que este xoves participou nunha mesa de debate sobre o papel que poden xogar as institucións académicas neste eido. Un papel que ao seu xuízo ten como aspectos fundamentais a “información e sensibilización” da propia comunidade universitaria e un labor de “investigación ligada a unha cooperación” que poida contribuír á “construción dun coñecemento que sexa socialmente válido, que poida axudar a resolver problemas”. Por ese motivo, puxo de relevo a importancia de promover “unha maior aproximación entre a universidade e as ONG, a sociedade civil”, así como o propio traballo conxunto de diferentes institucións académicas para “sistematizar” un labor que ata o de agora “é un pouco embrionario e non está consolidado”. 


PONTES CONXUNTAS CO SUR DO MUNDO


Nesa mesma liña manifestouse tamén o investigador do Centro de Estudos Africanos da Universidade do Porto e director da ONG Enxeñeiros Sen Fronteiras en Portugal, Miguel Filipe Silva, quen incidiu tanto no papel que as institucións de ensino superior deben xogar no desenvolvemento “de novas epistemoloxías, de novas formas de coñecemento” a través do “encontro de culturas”, como na propia formación dos e das axentes de cooperación, outorgándolles “competencias sociais e culturais que permitan un maior coñecemento desta área multidisciplinar”.

Mais, así mesmo, Silva puxo o acento na importancia do labor que as universidades galegas e portuguesas poden realizar conxuntamente con universidades de países en vías de desenvolvemento, contribuíndo, por exemplo, á creación de centros de investigación. Un labor que, como salientou, permitirá a súa vez ás universidades europeas “recibir tamén coñecementos de realidades diferentes, doutras formas de vivir e entender o mundo”. E nese senso, este investigador incidiu no valor que pode achegar o traballo conxunto entre Galicia e o norte de Portugal, dada a “forte ligazón” que España mantén con América Latina e os vínculos existentes entre o país veciño e o continente africano. “Vexo moi importante que poidamos traballar neste sur do mundo de xeito conxunto, xa que moitas veces as problemáticas que nos atopamos son parecidas”, salientou Silva, quen concluíu que, no eido da cooperación universitaria “pode facerse moito máis”. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE