O experto en epixenética Roberto Agis-Balboa é o primeiro Ramón y Cajal do SERGAS en dez anos
Continuará os seus estudos sobre epixenética no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
O experto en epixenética Roberto Agis-Balboa, integrado no Instituto de Investigación Biomédica (IBI) desde 2013 grazas ao proxecto Biocaps, conseguiu o primeiro contrato Ramón y Cajal do Sergás desde hai dez anos. Isto garantirá a súa continuidade no instituto polo menos durante o próximos cinco anos, onde seguirá avanzando nos seus estudos sobre a enfermidade de Alzheimer e a depresión.
Agis-Balboa asegura que afronta esta nova etapa “con motivación e con gran ilusión”. O programa Ramón y Cajal é moi competitivo, xa que soamente se conceden 175 axudas anualmente para todos os campos de investigación en España. “Dá seguridade e certa tranquilidade saber que podes centrarte só en investigar e non estar sempre preocupado por que pasará mañá, se me teño que ir e volver empezar noutro sitio”, reflexiona, desde a perspectiva de alguén que desenvolveu a maior parte da súa carreira entre Alemaña e Estados Unidos antes de poder regresar a España.
Nestes dous últimos anos, o seu traballo no IBI centrouse na procura de biomarcadores e dianas terapéuticas para a enfermidade de Alzheimer e a depresión, neste último caso continuando a liña da súa tese de doutoramento, realizada na Universidade de Illinois (EE.UU.).
De cara ao futuro, a súa prioridade é lograr establecer a epixenética (estudo da interacción entre os nosos xenes e os factores ambientais ou o noso estilo de vida) como unha área científica de peso no Hospital Álvaro Cunqueiro e non soamente limitada ao campo das neurociencias, no que el traballa.
O Alzheimer e a epresión centrarán gran parte dos seus esforzos de investigación
Polo que respecta á depresión, o seu traballo centrarase no uso de linfocitos obtidos de mostras de sangue para buscar un biomarcador que permita identificar que tratamento concreto dar a cada paciente. “Esta proba aforraría tempo e diñeiro e por suposto melloraría a calidade de vida dos afectados, sen efectos secundarios nin ineficacia, porque os tratamentos non funcionan igual en todas as persoas”, asegura Agis-Balboa.
Máis a longo prazo, o investigador proponse unir os dous campos de investigación para tratar de coñecer a interacción entre ambas enfermidades. “Hai estudos que mostran que a depresión é un factor de risco para padecer Alzheimer, pero os mecanismos epixenéticos implicados na interacción entre ambas non son coñecidos”, expón. “Estes estudos combinados con modernas técnicas de secuenciación xenómica e bioinformática permitirannos coñecer as enfermidades caso a caso, paciente a paciente, e así poder deseñar no futuro terapias epixenéticas personalizadas”.
Colaboración entre as tres universidades de Galicia, e os institutos biomédicos
O seu traballo no laboratorio compleméntase cunha intensa actividade de divulgación, sempre co obxectivo de dar a coñecer a epixenética en todos os ámbitos. “Nestes últimos anos dei charlas por toda Galicia, organicei congresos, falei na radio e escribo en varios blogs e revistas, coa esperanza de que todo isto contribuíse a que a xente coñeza este campo. Ninguén escapa á epixenética, nin ela mesma!”, asegura.
Traxectoria científica
O seu contrato Ramón y Cajal permitiralle continuar vinculado ao IBI e, se pasa con éxito a avaliación do cuarto ano, a dotación inicial de 40.000 euros para os seus proxectos de investigación sumará outros 100.000 euros para estabilizar a súa contratación.
Escribe tu comentario