A saúde do cerebro monopoliza os I Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2015

|

O equipo de investigación compostelán formado por José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos


A saúde do cerebro é o tema coincidente do proxecto de investigación e do caso de éxito empresarial galardoados na primeira edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia


O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar en xaneiro en Santiago de Compostela.


O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, recaeu en José Castillo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), participado polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este equipo lograra xa o Premio de Investigación 2014 da RAGC por outro proxecto científico sobre o ictus, que demostraba que a terapia celular é unha vía eficaz para a recuperación das persoas afectadas por esta doenza.


Desta volta, o grupo resultou galardoado por unha nova terapia para atallar as secuelas do ictus, unha enfermidade que só en Galicia rexistra máis de 5.000 casos ao ano e vai en aumento. A pesar dos graves efectos socioeconómicos derivados desta enfermidade, as estratexias terapéuticas que se usan actualmente só se poden aplicar en menos do 10% dos pacientes e teñen unha eficacia moi limitada. Por estes motivos, a busca de novas alternativas aplicables a un maior número de pacientes, con reducidos riscos e que impliquen menos requerimentos tecnolóxicos, representa actualmente unha importante demanda social e médica.


Os investigadores galardoados presentan unha nova terapia baseada no control do glutamato, un neurotransmisor que se desregula cando se produce un ictus e que produce unha grave toxicidade. De feito, o efecto de morte neuronal que provoca o descontrol do glutamato a causa do infarto cerebral é o principal desencadeante das secuelas da enfermidade.


En concreto, a nova terapia baséase en diminuír a cantidade de glutamato no plasma sanguíneo, para o que se seleccionou o fármaco que mellor cumpre esa función, que resultou ser a Riboflabina. A principal vantaxe desta nova estratexia é que o lugar de acción é a circulación sanguínea, polo que non afecta á neurofisioloxía normal do cerebro, como ocorre con outros tratamentos farmacolóxicos utilizados contra a toxicidade do glutamato.


“Este traballo representa un claro exemplo de investigación aplicada e traslacional, xa que, logo de máis de 15 anos de estudo experimental, puidemos describir unha nova vía terapéutica que actualmente estamos probando en pacientes afectados por un ictus”, explica Castillo.


O equipo de Qubiotech

Diagnóstico precoz


O premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle ao innovador sistema de diagnóstico temperán de enfermidades neurodexenerativas desenvolvido pola start-up coruñesa Qubiotech, Health Intelligence. O software galardoado, bautizado como IQ-BRAIN, foi precisamente o xerme desta empresa, que naceu como spin-off dun grupo de investigación do CHUS.


Pedro Arenas, Jesús Silva e Pablo Aguiar son os promotores, xunto coa Fundación Ramón Domínguez, de Qubiotech e polo tanto os creadores de IQ-BRAIN, do que os membros do xurado destacaron a capacidade para xerar un importante impacto no coidado da saúde e na eficiencia dos recursos sanitarios.


A imaxe médica é a técnica máis empregada para o diagnóstico de enfermidades neurolóxicas como o Parkinson, diferentes demencias como o Alzheimer ou a epilepsia. As súas distintas modalidades, como a tomografía axial computarizada (TAC) ou a resonancia magnética (RM), son utilizadas ante o gran risco que supón practicar exploracións invasivas no cerebro.


O novo sistema preséntase como unha solución para evitar os erros de diagnóstico causados pola interpretación das complexas imaxes estructurais do cerebro adquiridas grazas a estas técnicas, que actualmente se realiza a través de análises individuais condicionadas pola experiencia dos médicos ou polo apoio de expertos altamente capacitados. IQ-BRAIN é capaz de procesar nunha única análise, a partir de parámetros obxectivos, varias probas de imaxe obtidas por diferentes métodos e estimar automaticamente índices relacionados coa presenza e a evolución da enfermidade.


En definitiva, o software IQ-BRAIN é unha ferramenta que lle facilita ao médico a toma de decisións no proceso de diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas, facilitando que sexa máis precoz e fiable. Ademais de minimizar o risco de erros na detección destas doenzas graves, aumenta a seguridade do paciente e reduce os custos asociados a estes procedementos.


“O novo método foi empregado para o diagnóstico de diferentes enfermidades cerebrais en 400 pacientes desde o seu desenvolvemento, con moi bos resultados e perspectivas excelentes para a súa comercialización”, explica Pedro Arenas, responsable de desenvolvemento de negocio en Qubiotech.


Nos últimos meses, a empresa e o seu primeiro produto lograron xa numerosos premios e recoñecementos, como o da farmacéutica Bayer, que a seleccionou para o seu programa de aceleración de empresas en España, Grants4Apps.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress