#Claves de la semana

Mais de 400 emigrantes galegos, sen dereito a voto, buscan abstencionistas solidarios

A reforma electoral do 2011 buscaba atallar as denunciadas irregularidades que durante anos se produciran no voto emigrante e que son ben coñecidas en Galicia


|

Os problemas do voto rogado, que provocarán que milleiros de persoas -sobre todo novos e novas emigrantes no estranxeiro- perdan o seu dereito ao voto nas eleccións do 20 de decembro están acadando unha notable relevancia na campaña. A reforma da lei electoral en 2011 a cargo de PP e PSOE fixo máis complexo o procedemento que os residentes no exterior deben seguir para votar, obrigándoos a rogar (solicitar) o voto e acabou por depender de moitos factores externos, coma a proximidade dos consulados ou a propia dilixencia (e ás veces do seu criterio subxectivo) destas oficinas.


A reforma electoral do 2011 buscaba atallar as denunciadas irregularidades que durante anos se produciran no voto emigrante e que son ben coñecidas en Galicia

En principio, a reforma electoral do 2011 buscaba atallar as denunciadas irregularidades que durante anos se produciran no voto emigrante e que son ben coñecidas en Galicia. Porén, para solucionar un problema, acabaron creando outro, deixando milleiros de persoas sen poder votar. O propio Mariano Rajoy, na súa participación en La Sexta Noche, o pasado sábado, defendeu a reforma de 2011 sinalando que "antes do voto rogado ocorrían moitas cousas raras, por exemplo, os votos de Venezuela desaparecían, e o que se quixo é dar seguridade ao voto", obviando que o problema non era só de "votos desaparecidos" e que, por suposto, non só sucedían en Venezuela. O rogo do voto ben podería ser unha solución aceptable se se modificasen moitos dos trámites e prazos temporais agora esixidos, e se houbese nas oficinas españolas no exterior os recursos suficientes para facilitar o dereito ao voto. Marea Granate sinala a este respecto que o 84% dos militares españois destinados noutros países si puideron votar, o que para este colectivo demostra que cando o Estado pon interese e recursos os problemas si poden ser solucionados. 


Cal é o gran problema do voto rogado? Os e as residentes permanentes téñeno algo máis doado. As persoas inscritas no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) poden solicitar o seu voto chendo o impreso que se lles enviará ao seu domicilio (que tamén pode obterse por internet); unha vez rexistrado deste xeito o rogo de voto, recibirán no seu domicilio por correo certificado as papeletas e os sobres coas instrucións e, finalmente, poden votar en urna ou por correo.

Porén todo se complica para aqueles e aquelas persoas non inscritas no CERA, obrigadas a rexistrarse como residentes temporais (ERTA). Neste caso, o rogo é presencial no consulado e debe facerse nun periodo moi curto: só nos 25 días posteriores á convocatoria de eleccións. Son, polo tanto, dúas xestións presenciais que van depender da localización dos consulados, dos seus horarios e da dispoñibilidade de tempo dos e das emigrantes. Como o definiu a Marea Granate, "unha carreira de obstáculos" que obriga as persoas interesadas en votar a facer verdadeiros esforzos persoais para exercer o seu dereito.


Os obstáculos non rematan co rogo. Marea Granate denuncia que nas últimas eleccións autonómicas un 37,2% das papeletas non chegaron a tempo

Os obstáculos non rematan co rogo, de feito. A pesar de que unha vez realizado este trámite, o funcionamento é moi semellante ao do voto por correo no interior de España (recíbense as papeletas e o sobre de votación no domicilio), Marea Granate denuncia que nas últimas eleccións autonómicas un 37,2% das papeletas non chegaron a tempo. Denuncian igualmente que unha vez que se convocan os comicios, só hai una semana para que se subsanen posibles erros de rexistro, ou a notificación de cambio de domicilio, e que estes trámites deben ser realizados de forma presencial nos consulados e que estas oficinas só abren un día festivo -o sábado- nesa semana.


O tempo é o gran problema, pero non o único: Marea Granate denuncia tamén que a aplicación de determinados criterios subxectivos nos consulados xera novos obstáculos. Fan fincapé, sobre todo, na negación da inscrición como residente temporal, case a única alternativa (a outra é viaxar a España para votar) para todos aqueles que quedaran fóra do CERA polo peche do censo. O censo é pechado o día primeiro do segundo mes anterior á convocatoria, neste caso o 1 de agosto. A entidade salientou antes que unha circular do Ministerio de Exteriores lles esixiu aos Consulados negar a inscrición como residente temporal a todos aquelas persoas que levasen máis dun ano residindo no país, ou que a pesar de levar menos tempo estableceran a súa residencia habitual no mesmo. Porén, non hai nada na lei que obrigue a este criterio.


Votos rescatados

69 galegos e galegas aceptaron xa ceder o seu voto, pero hai outras 428 solicitudes

Ademais das campañas públicas de información e denuncia realizadas por colectivos de novos e novas emigrantes, Marea Granate lanzou hai unhas semanas a iniciativa Rescata o meu voto, que busca emparellar a persoas que viven no estranxeiro e que por algún dos motivos comentados non poderán votar con persoas residentes en España e que si poden votar pero decidiron non facelo. Trátase de que estas últimas, solidariamente, axuden as primeiras a exercer o seu dereito. Iniciativas semellantes puxéranse en práctica nas eleccións europeas de 2014 e tamén nas eleccións alemás de 2013, nas que votantes cedíanlle o seu voto a cidadáns e cidadás do sur de Europa, afectadas polas política do goberno xermano.


O funcionamento é sinxelo: hai dous censos, un de emigrantes orfos de voto e outro de doantes, organizados por comunidade autónoma, que son postos en contacto para que os primeiros lles comuniquen aos segundos o sentido do seu voto (mantendo o seu cáracter secreto). De momento hai inscritos 7.360 abstencionistas forzosos e foron rescatados 1.142 votos. 500 deses emigrantes orfos e orfas de votoson de Galicia, onde 69 persoas xa aceptaron ceder o seu sufraxio, unha cifra que crece hora a hora. Porén, hai aínda 428 que seguen a buscar un ou unha doante. Na propia web aclaran algunhas dúbidas sobre o funcionamento deste sistema, mesmo sobre a súa legalidade.


Que prometen os partidos?

O PSOE propón agora eliminar o voto rogado, que apoiou hai catro anos

Que din os principais partidos nos seus programas electorais sobre este tema? O Partido Popular, como deixou claro Rajoy o pasado sábado, defende a reforma realizada e o sistema do voto rogado, e no seu programa limítase a sinalar que "favoreceremos a participación electoral dos españois residentes no exterior (voto CERA) mellorando o procedemento actual". A posición do PSOE é a máis curiosa, pois no seu programa comprométese a "reformar o sistema de voto da cidadanía residente fora de España para facilitar unha maior participación con medidas coma a desaparición do voto rogado", a pesar de que en 2011 votou a favor (xunto con PP, CiU, PNV e BNG) da lei que o introduciu.


A maioría das demais forzas, agás Nós, tamén apostan pola desaparición deste mecanismo. EnMarea leva a derrogación do voto rogado entre os seus puntos programáticos. Podemos propón a "derrogación do voto rogado" substituíndoo por unha renovación da inscrición no CERA cada cinco anos; defende tamén a aprobación dunha lei que facilite o voto das persoas que están no exterior, incrementando prazos e mellorando o procedemento para a inscrición no ERTA; e promete igualmente unha circunscripción exterior e permitir votar nos comicios municipais ás persoas que leven menos de cinco anos fóra. Tamén Izquierda Unida o leva no seu programa. Ciudadanos, pola súa banda, pide "mellorar o proceso de voto por correo para os españois no estranxeiro, reducindo as trabas para o rexistro en consulados, asegurando unha debida información sobre prazos e datas, simplificando o proceso coa eliminación do voto rogado e a creación dun novo sistema de voto electrónico para asegurar unha maior participación electoral dende o exterior".

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE