#Claves de la semana

'Nadal en Rede' ofrece concertos gratuítos e contar historias para nenos en galego en Galicia Navidades

O programa quere fomentar o uso do galego entre os máis novos


|

Concerto de Dumbría


A música, os contos e o humor centran a oferta de actividades do ‘Nadal en Rede’ que se desenvolve nestas datas festivas en toda Galicia, e da que poderán gozar as familias e, sobre todo, os máis cativos da casa.


As propostas musicais para a xente miúda da casa ‘A Gramola Gominola’ e ‘Cantos Contos de Nadal’ e mais a actividade de humor ‘ISIstorias de Nadal’ son un bo xeito de despedir o 2015 e darlle a benvida ao 2016. A entrada é de balde ata esgotar a capacidade dos espazos.


Esta iniciativa que ten como obxectivo fomentar o uso da lingua galega, está promovida pola Consellería de Cultura e Educación xunto con outras 170 entidades locais.


‘A cantar con… A Gramola Gominola’


Coas súas letras en galego, ‘A Gramola Gominola’ supón toda unha novidade dentro da música para nenos. Aínda tendo como eixe central o rock and roll, explora o reggae, as baladas heavies, o funk, o ska…


Esta actividade, especialmente dirixida aos cativos de 5 a 10 anos e ás súas familias, ten as súas seguintes citas en Muros (mañá sábado, no Auditorio Municipal), Laxe (domingo 27, no Salón de Actos do Concello), Cangas (luns 28, no Auditorio Municipal), Monterroso (martes 29, no Espazo Cultural Lorenzo Varela) e Burela (martes 29, no Auditorio Municipal).


‘Cantos Contos no Nadal’


Esta novidosa combinación de música e contacontos está dirixida ás familias con fillos de 2 a 5 anos de idade. Grazas ao cantante Pablo Díaz, referente imprescindible da música infantil galega, os asistentes aprenderán cancións para repetiren na casa ao longo deste familiar tempo de Nadal.


As localidades que han recibir a actividade estes días son: Cospeito (domingo 27, na Casa da Cultura da Feira do Monte), Mondariz-Balneario (luns 28, na Sala da Cultura da Casa do Concello), Campo Lameiro (martes 29, no Auditorio do Centro Sociocultural Sobrino Buhigas) e Pontecesures (martes 29, no Centro Social).


‘ISIstorias de Nadal’


Que lle acontecería ao televisivo Isi no tempo de Nadal? Por aí transcorre esta actividade de dinamización lingüística destinada a público calquera idade: as súas vivencias persoais e as do seu contorno, cunhas pingas de ficción, e co Nadal como pano de fondo.


‘ISIstorias de Nadal’ visitará Parada de Sil (mañá sábado, no Xeriátrico Luces do Sil –edificio municipal-), Toén (tamén mañá sábado, na Casa da Cultura de San Pedro de Moreiras), Ramirás (domingo 27, no Centro Sociocultural do Picouto), Bande (domingo 27, no Salón de Actos do Concello), A Bola (luns 28, no Salón Social do Concello), Forcarei (martes 29, no Centro Social), Frades (mércores 30, no Multiusos) e Toques (mércores 30 de decembro, no Albergue de Souto).


Recursos na rede 


Ademais destas actividades de dinamización lingüística, ‘Nadal en Rede’ inclúe unha ampla oferta de recursos dixitais aos que se pode acceder para a súa descarga de balde desde calquera punto de Galicia: a ‘Carta dos Reis Magos’ para que pais e nais (así como os servizos de normalización dos concellos que o desexen) poidan elaborar unha resposta das Súas Maxestades de Oriente ás cartas enviadas pola cativada. Esta resposta, personalizada para cada pequeno, poderase imprimir para meter na caixa do correo ou enviarse por correo electrónico. Dispoñible en www.lingua.gal.


Tamén neste web a xente miúda ten á súa disposición un modelo de carta para escribirlles aos Reis Magos en galego, o ‘Libro dos Reis Magos’ e a aplicación ‘Postais en galego’.


Toda a información sobre o ‘Nadal en Rede’, no Portal da Lingua Galega: www.lingua.gal.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE