#Claves de la semana
O PORTO (PORTUGAL)

Galicia e o norte de Portugal destacan as oportunidades que ofrece para a súa cooperación o novo período orzamentario da UE

Neste novo período orzamentario da UE, a Eurorrexión quere chegar aos 160 millóns de euros mobilizados en proxectos compartidos entre Galicia e Portugal


|

Rueda e o presidente da CCDR-N, Emídio Gomes


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe as “oportunidades de futuro” que ofrece o novo período orzamentario da Unión Europea para a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal.


Rueda fixo estas declaracións despois dunha nova reunión do proxecto de emerxencias transfronteirizo, Ariem 112, no que tamén participou o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), Emídio Gomes.


Ambos destacaron a modélica cooperación transfronteiriza entre Galicia e a rexión norte de Portugal, que se ten convertido nun referente a nivel europeo e que ano tras ano reverte no beneficio dos cidadáns de ambos os dous lados da fronteira.


Precisamente, Gomes aproveitou o encontro para facer un balance da situación da cooperación entre Galicia e o norte de Portugal , con abundantes proxectos conxuntos con aplicación práctica na realidade e na sociedade galega e portuguesa. É o caso do Ariem 112, un proxecto para compartir os recursos de emerxencias e crear un auténtico espazo común en materia de xestión de emerxencias.


Ademais das emerxencias, Galicia e o norte de Portugal tamén teñen colaborado noutros moitos casos, especialmente no ámbito económico; como, por exemplo, os Job Days, os cónclaves entre empresas de sectores estratéxicos como o téxtil; ou a creación dunha rede de incubadoras de empresas da Eurorrexión, na que se está a traballar actualmente.


No ámbito cultural destacan iniciativas en materia de turismo a favor do Camiño de Santiago; e no educativo o proxecto central é o Programa de cooperación interuniversitaria ‘Iacobus’, que este ano vai subvencionar máis de 350 estanzas nas universidades dun e outro lado da fronteira e preto de 40 no ámbito da FP, que nesta edición se incorpora ao programa.

Un punto de inflexión para a cooperación transfronteiriza


Pola súa banda, Rueda explicou que pese a este amplo “camiño andado”, estamos ante un punto de inflexión que vai permitir mesmo acelerar a velocidade da cooperación galaico-portuguesa: o arranque efectivo do novo período orzamentario da Unión Europea, ata 2020.


Para estar preparados, o Goberno galego ten practicamente ultimada a Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión, a primeira deste tipo a nivel transfronteirizo. Unha auténtica folla de ruta pola que discorrerán os investimentos nesta zona nos próximos seis anos e que sitúa de novo a Galicia á vangarda da colaboración transfronteiriza en toda a UE.


Esta estratexia resulta fundamental precisamente neste momento crucial, xa que tamén se empeza a implementar o novo POCTEP para o período 14-20. No anterior período a Eurorrexión desenvolveu 73 proxectos por un importe de case 150 millóns de euros; agora, de cara ao novo escenario o obxectivo é aumentar esta cifra e chegar ata os 160 millóns de euros mobilizados en proxectos compartidos entre Galicia e o norte de Portugal, o que suporía lograr o 40 por cento do importe total do POCTEP para toda a península.


O número dous da Xunta mostrouse convencido de poder acadar este obxectivo e mellorar así o ritmo da cooperación transfronteiriza dos últimos anos. “Aválannos a nosa experiencia en cooperación transfronteiriza e a nosa boa xestión dos fondos, recoñecida pola propia Unión Europea”, concluíu Rueda.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE