#Claves de la semana

​O experto en epixenética Roberto Agis-Balboa é o primeiro Ramón y Cajal do SERGAS en dez anos

Continuará os seus estudos sobre epixenética no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.



|

G1gpInvestigadorBiomdico2

O experto en epixenética Roberto Agis-Balboa, integrado no Instituto de Investigación Biomédica (IBI) desde 2013 grazas ao proxecto Biocaps, conseguiu o primeiro contrato Ramón y Cajal do Sergás desde hai dez anos. Isto garantirá a súa continuidade no instituto polo menos durante o próximos cinco anos, onde seguirá avanzando nos seus estudos sobre a enfermidade de Alzheimer e a depresión.


Agis-Balboa asegura que afronta esta nova etapa “con motivación e con gran ilusión”. O programa Ramón y Cajal é moi competitivo, xa que soamente se conceden 175 axudas anualmente para todos os campos de investigación en España. “Dá seguridade e certa tranquilidade saber que podes centrarte só en investigar e non estar sempre preocupado por que pasará mañá, se me teño que ir e volver empezar noutro sitio”, reflexiona, desde a perspectiva de alguén que desenvolveu a maior parte da súa carreira entre Alemaña e Estados Unidos antes de poder regresar a España.

Nestes dous últimos anos, o seu traballo no IBI centrouse na procura de biomarcadores e dianas terapéuticas para a enfermidade de Alzheimer e a depresión, neste último caso continuando a liña da súa tese de doutoramento, realizada na Universidade de Illinois (EE.UU.).

De cara ao futuro, a súa prioridade é lograr establecer a epixenética (estudo da interacción entre os nosos xenes e os factores ambientais ou o noso estilo de vida) como unha área científica de peso no Hospital Álvaro Cunqueiro e non soamente limitada ao campo das neurociencias, no que el traballa.


O Alzheimer e a epresión centrarán gran parte dos seus esforzos de investigación


O Alzheimer continuará centrando gran parte dos seus esforzos de investigación. “Agora mesmo hai 35 millóns de pacientes no mundo e previse que en 2050 esta cifra alcanzará os 150 millóns. Só o 1% do Alzheimer é de orixe xenética, o 99% restante coñécese como Alzheimer esporádico e sabemos que o noso estilo de vida xoga un papel fundamental como desencadeante”, explica. Un dos principais problemas, ademais de que non se coñece cura, é que cando se detecta xa está avanzado e é demasiado tarde. “Este é un dos retos que me marco, a procura de biomarcadores de diagnóstico temperán e de prognóstico da enfermidade”, afirma.

Polo que respecta á depresión, o seu traballo centrarase no uso de linfocitos obtidos de mostras de sangue para buscar un biomarcador que permita identificar que tratamento concreto dar a cada paciente. “Esta proba aforraría tempo e diñeiro e por suposto melloraría a calidade de vida dos afectados, sen efectos secundarios nin ineficacia, porque os tratamentos non funcionan igual en todas as persoas”, asegura Agis-Balboa.

Máis a longo prazo, o investigador proponse unir os dous campos de investigación para tratar de coñecer a interacción entre ambas enfermidades. “Hai estudos que mostran que a depresión é un factor de risco para padecer Alzheimer, pero os mecanismos epixenéticos implicados na interacción entre ambas non son coñecidos”, expón. “Estes estudos combinados con modernas técnicas de secuenciación xenómica e bioinformática permitirannos coñecer as enfermidades caso a caso, paciente a paciente, e así poder deseñar no futuro terapias epixenéticas personalizadas”.


Colaboración entre as tres universidades de Galicia, e os institutos biomédicos


Neste contexto, Agis-Balboa valora moi positivamente o acordo de colaboración asinado recentemente entre o tres institutos biomédicos e as universidades galegas. “Isto permitirá non só o fluxo de estudantes, senón tamén unha maior interacción entre científicos básicos e clínicos, algo esencial se queremos facer boa ciencia, de impacto e traslacional. Ademais, necesitamos enfoques multidisciplinares para cada proxecto, xente con diferentes capacidades e habilidades, todos remando na mesma dirección”, explica.

O seu traballo no laboratorio compleméntase cunha intensa actividade de divulgación, sempre co obxectivo de dar a coñecer a epixenética en todos os ámbitos. “Nestes últimos anos dei charlas por toda Galicia, organicei congresos, falei na radio e escribo en varios blogs e revistas, coa esperanza de que todo isto contribuíse a que a xente coñeza este campo. Ninguén escapa á epixenética, nin ela mesma!”, asegura.


Traxectoria científica


Roberto Agis-Balboa é licenciado en bioloxía e máster en neurociencias pola Universidade de Santiago de Compostela. Cursou o seu doutoramento no Instituto de Psiquiatría da Universidade de Illinois en Chicago (EE.UU.), onde investigou sobre a biosíntese de neuroesteroides e a teoría epixenética da esquizofrenia. Posteriormente, trasladouse a Alemaña para traballar como investigador de posdoutoramento no Instituto Europeo de Neurociencias (Gottingen) entre 2008 e 2013. Alí especializouse nas interaccións xenoma-ambiente que ocorren durante a deterioración cognitiva asociada ao envellecemento, aos trastornos psiquiátricos e ás enfermidades neurodexenerativas.

O seu contrato Ramón y Cajal permitiralle continuar vinculado ao IBI e, se pasa con éxito a avaliación do cuarto ano, a dotación inicial de 40.000 euros para os seus proxectos de investigación sumará outros 100.000 euros para estabilizar a súa contratación. 

Última hora

1 Comentarios

1

Hola, Soy Roberto Agís-Balboa, la noticia tiene un error importante. Soy el primer Ramón y Cajal en biomedicina del SERGAS en 10 años, pero no de la comunidad biomédica gallega, la cual incluye también la Universidad, etc....las cuales tienen Ramon y Cajales casi todos los años. Si corrigieran el titular estaría bien, gracias.

escrito por Roberto Agís-Balboa 15/dic/15    14:42

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE