Villares vaticina que a "soberbia" de Feijóo o apartará da maioría
O candidato de En Marea convidou ao 'popular' a "coller o tren a Madrid" que pasa "o vindeiro domingo".
Peche de campaña en Santiago. //Foto: @En_Marea twitter
O candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, pechou a campaña electoral enumerando os "sete pecados capitais do PP", nos que Feijóo representa "a soberbia de non escoitar ao pobo que sufría".
En Marea puxo o broche este venres á campaña electoral cun acto público na compostelá Praza de Praterías, nun mitin no que ao redor de 3.000 persoas acabaron coreando "presidente, presidente" a un Villares que convidou a Feijóo, a "coller o tren a Madrid" que pasa "o vindeiro domingo".
O cabeza de cartel do partido instrumental tirou de ironía durante a súa intervención enumerando os "sete pecados capitais do PP": a "luxuria" de Baltar, a "envexa" de "os bolsos de Rita Barberá", a "ira" de "as guerras de Aznar", a "preguiza" do "plasma de Rajoy", a "avaricia" de Bárcenas e a "gula" de Marcial Dorado, "insaciable de neve".
Para Feijóo reservou o sétimo, a "soberbia" de "non escoitar ao pobo que sufría". Villares recuperou o refrán do himno da revolución dos caraveis portuguesa para lembrar ao presidente galego que "o pobo é quen máis ordena". "Nada por encima do pobo de Galicia. Nin agora, nin nunca!", exclamou.
Escribe tu comentario