#Claves de la semana

​Adif omitíu "por erro" documentación "relevante" sobre Angrois durante máis de 3 anos

Esta nova información chega aos xulgados de Fontiñas apenas dous días antes da declaración prevista de dous peritos. 


|

Alviaangrois 1


Adif presentou no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago 300 folios relacionados coa análise de riscos e o cambio significativo de velocidade na liña que conecta Ourense coa capital galega, na que descarrilou un tren Alvia en xullo de 2013 no accidente máis grave da democracia española, que ocasionou a morte a 80 persoas e saldouse con máis dun centenar de feridos.


Máis de tres anos despois deste sinistro ferroviario, o administrador de infraestruturas ferroviarias admite que "no dossier de seguridade da LAV 082 --liña de alta velocidade-- achegado no seu día comprobouse que se omitiron --segundo di-- por erro determinados documentos aos que se remiten os casos de seguridade".


En concreto, entre a documentación, con data de entrada deste luns 3 de outubro, atópanse as análises preliminares de riscos e do desenvolvemento en táboas 'Excel' dos 'Hazard Log' --ameazas detectadas--.


"Por tal razón, e considerando que se trata de documentos relevantes para o acto de ratificación de informes periciais que vai ter lugar o próximo día 5-10-2016 --este mércores--, acompáñanse os referidos documentos ao presente escrito para a súa incorporación á causa", destaca a Avogacía do Estado.


E é que esta nova información chega aos xulgados composteláns apenas dous días antes da declaración prevista de dous peritos, os de QBE --a aseguradora de Renfe--, e o catedrático encargado de elaborar outro informe para un dos peritos xudiciais.


A maiores, Adif inclúe un estudo de cambios significativos de velocidade, outro sobre criterios de declaración dunha transición de velocidade como transición significativa de velocidade e unha carta circular de regulamentación sobre os devanditos cambios e o sistema de control 'Asfa'.


RESOLUCIÓN SOBRE OS RECURSOS


Por outra banda, o xuíz Andrés Lago Louro, nas mesmas dilixencias con que dá por presentada esta avultada documentación, determina que xa transcorreu o prazo para formular alegacións ao seu auto do 1 de setembro, co que pediu aos tres peritos xudiciais un novo informe no prazo de tres meses sobre a análise de riscos na liña.


Así as cousas, falta por resolver sobre os recursos presentados tanto polo letrado que defende ao maquinista como polas asociacións de vítimas, que ven a estes tres expertos incapacitados para tal tarefa --nestes momentos, con nova información en sede xudicial que se agrega a un sumario que xa consta de miles de folios--.


UN TOTAL DE 14 DOCUMENTOS


En maio deste ano, a Audiencia Provincial da Coruña ordenou reabrir a investigación, que pechou en outubro o xuíz Andrés Lago Louro, precisamente para tratar de esclarecer se Adif avaliou de maneira correcta o perigo na curva da Grandeira.


Agora, o administrador de infraestruturas ferroviarias achega ata 14 documentos, 11 deles relacionados con ese exame dos riscos na vía.


O primeiro deles é o estudo dos cambios significativos de velocidade en tres grupos de liñas. No primeiro deles figura transición protexida por sinais na bifurcación da Grandeira e ditaminada, segundo o escrito, en xullo de 2012.


O segundo documento é o relativo aos criterios de declaración dunha transición de velocidade como transición significativa de velocidade, e data de xaneiro de 2014. Estes criterios establecéronse, de feito, como consecuencia do sinistro no compostelán barrio de Angrois e das recomendacións que no seu momento elaborou a CIAF --comisión de investigación de accidentes ferroviarios--.


En terceiro lugar, a carta circular de regulamentación informa da creación e implantación dunha nova sinalización, para "reforzar a información en vía, os avisos en cabina e o control de velocidade, na aproximación a aqueles puntos onde se produce unha redución significativa de velocidade".


A continuación apíñanse unha decena de documentos, os denominados 'Hazard Log', de detección de ameazas, co rexistro de todo tipo de incidencias na liña, que van desde fallos de transmisión da información ata problemas coas balizas.


No actual contexto, avogados das partes acudidas cuestionan que toda esta información presentada e a súa lectura pormenorizada fagan posible a vista que estaba convocada para este mércores.


ALÁEZ PEDIULLO EN 2014


Xa en marzo de 2014, o primeiro instrutor da causa, Luís Aláez, demandou a Adif esta documentación, relativa ao estudo de riscos da liña, pero tamén da modificación da instalación do sistema de control 'ERTMS' e informes de incidencias.


Naquel auto, Aláez facía esta petición tras considerar que o administrador de infraestruturas non entregara a información correspondente a anteriores demandas súas, e sinaláballe, ademais, un total de 11 documentos que debía entregar en sede xudicial.



relacionada Discrepancias entre os peritos xudiciais de Angrois sobre a seguridade da curva da Grandeira
relacionada ​El juez de Angrois aplaza la declaración de los peritos de la aseguradora
relacionada Vítimas de Angrois piden que o informe sobre o risco da curva o elaboren expertos europeos
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE