#Claves de la semana

​Fomento veta debater no Congreso a tranferencia a Galicia da AP-9

O Ministerio argumenta que o traspaso non respectaría a lexislación nin os "principios constitucionais de reparto de competencias" | O grupo de En Marea no Congreso critica "as argucias" dun goberno en funcións


|

Ap9 4


O Ministerio de Fomento veta que o Congreso dos Deputados debata a proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia para pedir a transferencia da autoestrada AP-9, unha vía que vertebra de norte a sur o eixo atlántico e cuxa titularidade reclamou tamén o propio presidente da Xunta --agora en funcións--, Alberto Núñez Feijóo, á súa compañeira de partido, a entón ministra Ana Pastor.


Conforme á lexislación, as proposicións de lei que se rexistran no Congreso sométense a consideración do Executivo para ser debatidas, xa que o Goberno conta con capacidade de mostrar a súa desconformidade cara a aquelas que, ao seu entender, poidan ter efectos negativos sobre os orzamentos en curso ou previstos, xa sexa porque minguan os ingresos ou porque aumentan os gastos.


O pasado venres, Moncloa comunicou ao Congreso o seu rexeitamento á tramitación de dez iniciativas lexislativas da oposición e de parlamentos autonómicos, entre elas a que rexistrou o PSOE para paralizar a chamada 'lei Wert' e a da transferencia da AP-9.


O criterio do Goberno que dirixe en funcións Mariano Rajoy é que a aprobación desta proposta, que contou co respaldo de toda a cámara galega en diversas ocasións, supoñería un "aumento dos créditos orzamentarios", polo que non está conforme coa súa tramitación, como así figura no documento enviado ao Congreso con data do 14 de outubro.


INFORME DE FOMENTO


O informe de Fomento, ao que tivo acceso Europa Press, destaca en que a autoestrada AP-9 "vertebra o eixo atlántico" enlazando os principais centros económicos de Galicia e cinco das sete cidades de maior tamaño.


O Ministerio que agora dirixe en funcións Rafael Catalá di que a AP-9 está "integrada" na rede transeuropea de transporte e insiste en que "a través das vías de alta capacidade de titularidade do Estado" soporta regularmente tráfico de longo percorrido e permite conectar os principais núcleos galegos "cos diferentes territorios de España e cos demais países da Unión Europea", incluído Portugal (pola A-55).


Así mesmo, apunta que conecta as áreas de influencia dos cinco portos de interese xeral do Estado en Galicia e as súas principais rías e inclúe a conexión cos tres aeroportos de Galicia.


Fomento determina que esta infraestrutura, de acordo coa lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas, forma parte da rede de estradas do Estado, xa que "está integrada nun itinerario de interese xeral, está incluída nun itinerario de tráfico internacional e interese europeo e serve de acceso ao paso fronteirizo con Portugal", así como a portos e aeroportos.


"Polo que non sería factible o traspaso da autoestrada ao Goberno autonómico de conformidade ao establecido na lexislación vixente e, de acordo cos principios constitucionais de repartición de competencias entre administracións".


OBRIGAS ECONÓMICAS


En 2014, como recolle a proposición de lei, a concesión da AP-9 tivo uns ingresos derivados da peaxe de 127,7 millóns de euros. Dado que o fin da concesión está fixado para 2018, o custo estimado do rescate de toda a concesión está cifrado en máis de 4.300 millóns de euros.


Con estes datos de fondo, Fomento advirte que "no caso de que a Comunidade Autónoma acordase unilateralmente o rescate da concesión", a Administración Xeral do Estado "tería que asumir de maneira inmediata unhas indemnizacións á sociedade concesionaria que estarían cifradas, en polo menos 4.300 millóns de euros, importe correspondente á peaxe que deixaría de recibir ata o momento previsto para o fin da concesión".


Con todo, a proposición de lei do Parlamento de Galicia unicamente contempla o traspaso da titularidade á Comunidade galega.


O Goberno apunta que "non existen consignacións nos créditos orzamentarios do Ministerio de Fomento para o exercicio 2016 que permitan afrontar o dito pago". Por iso, informa "desfavorablemente" á proposición de lei de transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia.


"ARGUCIAS DUN GOBERNO EN FUNCIÓNS"


A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, criticou as "argucias dun Goberno en funcións, o de Rajoy, para impedir que o Congreso debata" esta cuestión.


Para Alexandra Fernández, resulta "cuestionable que un goberno en funcións realice informes sobre proposicións de lei a debater nas Cortes". "Cremos que non é o seu papel, igual que nos resulta rechamante que neste momento procesual, a piques de celebrarse o debate de investidura, este Goberno en funcións decida bloquear o debate dun tema tan importante para Galicia, que foi debatido en anteriores ocasións na Cámara Baixa", apuntou.


Por iso, a portavoz de En Marea considera que se trata dunha "decisión política" que "non ten que ver con criterios economicistas", como se alega no informe presentado polo Ministerio de Fomento e que o Goberno achegou no seu informe desfavorable remitido ao Congreso.


"Son escusas, pretextos que xa foron utilizados en anos anteriores por Fomento. Non hai novidades en relación á posición do Goberno central sobre unha demanda unánime de Galicia", salientou, antes de preguntarse "a ver agora que alega Feijóo". "E veremos se é capaz de mover ficha e adoptar medidas", apostilou.

relacionada ​A la AP-9 le salen pretendientes
relacionada El parlamento pide que se traspase la AP-9 a la Xunta
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE