#Claves de la semana

"Galicia non existe no mapa da innovación"

Entrevistamos a Noelia Rodríguez, consultora de empresas afincada en Santiago que nos fai un diagnóstico da saúde da innovación e o emprendemento na nosa comunidade. 


|

NoeliaRodriguezTheBetaFactor2


España pechou o 2015 cun avance no crecemento do PIB, prolongando así a tendencia de recuperación que se iniciara en 2014. Un ciclo de crecemento que, segundo recolle o informe 2016 da Fundación COTEC para a Innovación, o sistema económico debe de aproveitar para “transformarse e reinventarse”


Nunca antes asistiramos a un consenso tan amplo das forzas políticas e sociais sobre a necesidade de fomentar o sistema de innovación para garantir a supervivencia das empresas. 


Lamentablemente, os datos sobre educación e I+D+I, alicerces fundamentais para o que chamamos 'economía do coñecemento' non acompañan este dato, senón que afondan máis na preocupación dos expertos.


Alberto Núñez Feijóo garantía no seu discurso de investidura o seu compromiso para seguir configurando en Galicia “un ecosistema favorable á innovación e ao emprendemento”, facendo fincapé en sectores estratéxicos no futuro como a modernización co impulso da industria 4.0, a mellora nos procesos de innovación, a adaptación da formación ás necesidades reais do mercado e a mellora da eficiencia enerxética.


Para descifrar o labirinto da innovación e o emprendemento en Galicia, Galiciapress achegouse a falar cunha galega experta en innovación e emprendemento.


Noelia Rodríguez (Lisboa, 1977) é a fundadora e directora de The Beta Factor, unha firma de asesoría e formación en innovación cunha visión inspiradora: converterse nun factor de transformación e crecemento para as empresas coas que traballa, axudándoas a identificar novas oportunidades e materializalas través da innovación e o deseño. 


O reto de Noelia, despois de varios anos traballando como directora de innovación dunha coñecida cadea hoteleira, é achegar valor á cultura do emprendemento e a innovación en Galicia, aplicando aquí todo ese coñecemento e experiencia acumulados nas súas andainas profesionais ás empresas coas que colabora na nosa comunidade.


-Fainos un diagnóstico da saúde da innovación e o emprendemento nas empresas galegas


A saúde da innovación en Galicia é moi mellorable. Galicia inviste menos da metade da media dos 28 países da Unión Europea. A nivel español estamos no posto número 11 cunha inversión do 0,87% do PIB fronte á media española do 1,23%. A rexión coa que nos debemos comparar é Euskadi, que ten un 2,3% de inversión. Para que sexa máis significativa, na innovación ten que ter moito peso o sector privado. No País Vasco por exemplo ten un peso do 75%, en Galicia anda arredor do 46%. Fai falla investimento privado e obviamente inversión pública. E sobre todo un cambio de modelo na innovación. Innovar en sectores máis ‘disruptivos’, como pode ser a innovación tecnolóxica e a innovación en enxeñaría e organización de negocio, en loxística ou en coñecemento.


EvoluciongastoIDCCAAinformeCOTEC

Informe COTEC


-Cal é o talón de Aquiles da innovación en Galicia?


O punto débil da innovación é que non temos un sistema rexional de innovación cohesionado, que sería a base para que a innovación poida saír adiante.


-Existe en Galicia unha ‘cultura do emprendemento’? Como se adquire?


A cultura do emprendemento tradicional existe, emprender é buscar novas oportunidades e realizalas con éxito. Os galegos se non atopaban as oportunidades aquí ían buscalas fóra. A emigración en Galicia foi moi salientable, sobre todo se pensamos que en España houbo rexións tan ou máis pobres ca Galicia, mais o galego sempre saíu buscar oportunidades. O emprendemento no contexto actual apréndese, fan falta habilidades novas. A nivel privado podes abrir unha pequena empresa ou un comercio, pero o que é a cultura do emprendemento baseada nun maior coñecemento, esas habilidades hai que aprendelas.


A emprender apréndese. A min gústame o exemplo da cooperativa Mondragón. Eles crearon a Mondragon Team Academy para desenvolver novas habilidades de emprendemento a través da aprendizaxe práctica, un modelo que agora están exportando a multitude de países. Isto falta en Galicia. Hai unha parte importante de investimento privado que falta.


-E axuda saír fóra?


Todos os negocios que se crean hoxe en día deberían de nacer coa visión global. Hai dúas vías, nacer localmente e ir crecendo de xeito orgánico ou darte conta de que estamos nun mercado global e cando creas algo xa o fas con esa visión global: nacido para ser global. Agora hai negocios que non teñen unha base física porque traballamos en calquera sitio. E esta é unha oportunidade.


-Inflúe a nosa posición periférica no mapa do mundo?


Tradicionalmente, os galegos somos endóxenos, e xeograficamente hai esa cultura do emprendemento endóxeno. Como saír adiante neste noso recuncho do mundo. Ten que haber un traballo moi forte por parte das administracións. De momento non estamos no mapa da innovación.


-De onde nos vén o medo a emprender? É certo iso de que aos galegos nos custa tomar decisións?


O medo a emprender podémolo entender coma unha característica humana que a ten todo o mundo porque emprender é asumir un risco. A xente tende a buscar estabilidade. O importante é que poidamos asumir riscos porque contamos cunha rede de salvamento. Hai que crear contextos para que emprender non sexa unha actividade temeraria. Ese traballo de crear ese contexto é parte do do labor que ten que facer a administración pública. Cómpre levar a cabo políticas para favorecer o emprendemento, e que se non funciona a idea non quedar ‘sen nada’, ademais de pór á disposición do emprendedor todas as ferramentas necesarias para que non teña que facer unha achega tan grande. Hoxe en día hai axudas demasiado específicas, terían que crearse axudas sistemáticas, que estean focalizadas nunha serie de sectores, que canalicen o talento e que senten un contexto no que ser emprender non sexa tan difícil.


-Cóntanos polo miúdo como está esa rede de axuda ao emprendemento en Galicia?


En Galicia o apoio á innovación está polarizada e non existe unha estratexia. Podemos ollar outras rexións de España na que si que existe, como e a Rede Vasca de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (RVCTI), que integra todos os elementos da cadea de valor da I+D+I para impulsar a innovación e o emprendemento. 


-Hai estudos que din que aos universitarios galegos interésalles a “seguridade laboral”, que a visualizan no emprego público. Que valoración fas desta situación e como se inverte a tendencia para crear innovadores no canto de funcionarios?


Está claro que todos buscamos seguridade, e quizais o galego, por tradición cultural como di en ‘Outra idea de Galicia’ Miguel-Anxo Murado, aínda máis polo que levamos vivido e sufrido. Analizando historicamente Galicia, é normal que busquemos algo que nos dea seguridade, porque aquí créanse poucas oportunidades. O oficio público é das máis seguras. Nun país de oportunidades, a xente non quere ser funcionaria, quere evolucionar. Moitos funcionarios consideran isto unha desvantaxe.


-Volvemos á educación


Se no sistema educativo lle ensinamos á xente o que é emprender e logo cando abandonen o sistema educativo teñen esas facilidades para emprender, hai moitas posibilidades de que acaben emprendendo. En Finlandia refixeron totalmente o sistema educativo.


Escuelafinlandesa

Escola finlandesa 'Saunalahti', en Espoo


-Onde comeza a educación en innovación e emprendemento?


Debería comezar na escola primaria, en que os nenos pensen por si mesmos, sería importante desenvolver actividades de creatividade xa desde os 3 ou 4 anos. Estamos falando de redeseñar o sistema educativo. Así pecharíase o ‘gap’ entre a formación estándar e o que precisan as empresas.


-Cal é o perfil do emprendedor en Galicia?


Hai un emprendedor que sae da universidade e emprende porque está nunha contorna onde existen oportunidades (informáticos, biotecnólogos); hai outro momento na vida en que se emprende por necesidade coma durante a crise; e logo hai moita xente que, coma min, xa teñen unha experiencia e unha formación e queren converter o seu coñecemento en algo máis.


-Fálanos de exemplos de empresas innovadoras en Galicia


Saíndo totalmente do formulamento tecnolóxico un dos procesos innovadores clave para min é innovar no modelo de negocio. Inditex non innovou en tecnoloxía nin en ter unha idea que ninguén tivo. Innovou no modelo de negocio, en articulalo dun xeito no que o valor que lle están dando ao cliente é totalmente diferente. Loxística, deseño, puntos de venta, distribución… todo isto é a forma da maneira de innovar de Inditex. En Galicia hai moitas start ups que están innovando en diferentes fases. Cuevas era unha empresa tradicional de distribución que creou unha idea nova, o 'marron glacé', e proxectouna a nivel internacional, transformando totalmente o seu negocio. Está Coren, que está creando un valor engadido en mercados coma o Xapón onde se vai un 70% da produción dese porco criado con castañas. Blusens, por exemplo, que basea o seu modelo na creatividade tecnolóxica e en adiantarse aos seus competidores. A internacionalización en si é innovación tamén.


- Cales son os sectores con maior potencial innovador en Galicia?

Os sectores máis disruptivos coma a loxistica, as telecomunicacións, a bioquímica ou os estudos do mar. Está o caso de Galchimia por exemplo, que son expertos en bioquímica e proveen dese coñecemento a outras empresas. É un modelo de prestación de servizos. A base da innovación o día de mañá é o coñecemento. Convertir o coñecemento no servizo. En Galicia hai un potencial enorme porque temos moi boas universidades.


-Pero logo está o problema da consolidación


Temos un problema enorme de que hai empresas que fallan nos dous primeiros anos porque cando están á porta de obter o financiamento que precisan para dar un paso máis, non a conseguen. Son moi importantes os chamados ‘business angels’, que axudan a eses proxectos de éxito a que non caian no momento en que necesitan un axuste de inversión. Outros proxectos caen porque non son viables. Os que non son viables hai que redefinilos, ou pivotar. Neste sentido, temos que ser áxiles, eu mesma pasei un ano a pivotar o meu modelo de negocio. A veces cando temos unha idea, temoslle cariño e non queremos despegarnos dela. Tamén é moi importante, eu diría que crítica, a colaboración hoxe en día. Ningunha empresa ten de por si mesma a capacidade para sobrevivir, cada empresa ten que crear as relacións necesarias que lle permitan sobrevivir no ecosistema.


-A nivel operativo, como se integra a innovación nunha empresa? A idea de pagarlle a alguén para que “pense” e achegue coñecemento parece difícil de asimilar en contextos de economía tradicional.


Existen dúas teorías, unha é a da empresa ambidextra, na cal unha parte da empresa está pensando a longo prazo e outra que está na parte operativa. Fórmanse equipos de traballo dos cales unha parte operaría cun plantexamento de innovación e outra sería moito máis produtiva e operativa. Deste xeito estamos mirando a longo prazo ao tempo que cubrimos as necesidades do día a día. Logo está a teoría da ‘bimodal human force’, ter xente produtiva e outra que traballa en proxectos de innovación. 


-Que papel ten o líder nunha organización innovadora?


-O papel do líder é fundamental. A innovación ten que se concibir arriba pero saír de abaixo. Nas empresas hai que saber crear un contexto para que a innovación suceda. O líder ten que saber xerar ese contexto para que os equipos humanos vehiculen as ideas. Coa crise moitas empresas que estaban na senda da innovación volveron á operativa diaria.


-Que opinión che merece o dito de “se algo funciona, non o cambies”?


Eu completo o dito: non o cambies ata que atopes unha forma mellor de facelo. Non cambiar non pode ser, no mundo en que estamos todo está en constante cambio. O que hoxe funciona, corres o risco de que mañá non o faga. Antes existía unha liñaridade, o contexto era máis predicible. Hoxe é impredecible, a incertidume é cada vez maior. As empresas se non saben adaptarse e cambiar o modelo de negocio, morren. A innovación é cada vez máis importante no modelo de negocio, porque o modelo de negocio ten que ser o suficientemente flexible para adaptarse aos cambios do futuro. Nokia é unha empresa que, teoricamente, estaba na vangarda da tecnoloxía, pero non entendeu o mercado e quedou fóra.


-O mundo cambia pero hai aínda moita “resistencia ao cambio”


O sistema está establecido en base a unhas normas que son políticas e sociais. É unha cultura proteccionista, vémolo a varios niveis. Cantas menos oportunidades e recursos temos, máis queremos controlalo todo por iso estamos tan burocratizados. A un taxista non podemos pedirlle que vexa que o mundo está cambiando, en relación a Uber por exemplo, pero si que desde a administración hai que sabelo explicar. Por exemplo que un taxista teña que pagar unha licenza de moito diñeiro e logo veña calquera cunha aplicación no móbil e tamén poida exercer de taxista é inxusto. Porén, podemos liberalizar o sistema de xeito que un taxista non teña que obter unha licenza millonaria, contar cun coche de determinadas características e facer un ‘hiperexame’ que ademais lle custe un diñeiral. Ten que haber unha axilidade por parte da administración. Hai que facer de maneira que o sistema se reorganice, o que pasa é que as novidades son moito máis rápidas ca o sistema en readaptarse. E moitas veces a diferenza é de dez anos.


-O sistema de emprego público que temos en España non existe na meirande parte dos países de Europa. Como afecta á innovación?


O emprego público é un elefante, non se move. Calquera persoa para se mover ten que ser áxil. O mundo está cambiando, e o noso sistema queda como está. É un problema grande, ademais é un sistema moi hermético, non se renova, non responde ás novas necesidades.


-Hai xente altamente capacitada que está nese sistema. Perdemos talento a través do funcionariado?


O papá estado non existe. O estado ten que crear unha contorna no que as persoas teñen oportunidades para seguir evolucionando. Por outro lado está o individuo, que ten que crear oportunidades para reciclarse e seguir evolucionando e mellorando. Esa mesma responsabilidade que temos inherente ao sistema privado hai que esixirllo ao público. É un sistema estancado, debería de haber unha reflexión.


-Falas tamén de arquitectura e como a organización do espazo nas oficinas contribúe á innovación


Se a empresa é xerárquica tradúcese en que cada un ten o seu sitio de traballo e hai que ser o máis produtivo posible, e sobre todo que non existen espazos para a reflexión. O bar é o exemplo máis claro. O bar nas empresas é o sitio onde a xente de diferentes departamentos se atopa e falan de cousas da empresa. Iso permítelle intercambiar información. Na empresa non ten que haber necesariamente un bar, senón sitios onde a xente se poida comunicar, onde haxa reunións que os poñan en común. Eses espazos falan moito de se unha empresa é colaborativa e transversal ou non.


-Pasa o mesmo coa flexibilidade nos horarios?


Para min o horario debería de ser totalmente flexible. Hai días que a xente ten suficiente traballo para estar de 9 a 18 e outros non. Deberíaselle permitir á xente traballar por obxectivos e decidir o seu horario. Hai certas horas nas que hai que estar na oficina para verse e ter reunións, pero o resto tería que haber esa liberdade de poder traballar desde a casa. É importante que haxa unha educación do traballador para que saiba que traballa por obxectivos. Pero ese é o futuro do traballo, flexible e deslocalizado. Camiñamos cara aí pero hai culturas que están máis avanzadas e outras menos.


-De onde che vén a ti o espírito emprendedor?


Na miña familia todo o mundo é emprendedor. O meu avó emigrou durante a guerra civil a Lisboa e meu pai tamén formou a súa propia empresa. Eles querían que nós sairamos fóra e sempre nos animaron a non acomodarnos nun papel de funcionarios. Algo moi importante no mundo do emprendedor é ter o apoio do teu medio máis próximo.


En Galicia temos un fundamento cultural que é traballar, traballar, traballar. A pensar, tamén nolo teñen que ensinar. Aí si que hai unha aprendizaxe necesaria. E a non obedecer todo o tempo. Cómpre cuestionar o sistema e cambiar as normas, o marco ten que ser flexible, amplo e produtivo.


-Que consello lle darías a alguén que está pensando en emprender?


Que identifique a oportunidade. A innovación non é a idea. A innovación é que a idea solucione un problema real. 

relacionada ​O coñecemento constitúe o 90% do valor total das empresas
relacionada Gairesa, Premio a la Excelencia Empresarial Química de Galicia 2016
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE