O BNG reivindicou a constitución dunha república galega, que sexa "social e democrática" e que "aposte polo  benestar, a xustiza e a igualdade", nun manifesto titulado 'Erguer os soños e as esperanzas'.


Publicado este luns, co motivo da celebración da proclamación da Segunda República Española, a formación nacionalista recorda neste manifesto que "un simple cambio na forma do estado non resolverá os problemas que se padecen", os cales veñen "determinados pola relación de dependencia e subordinación de Galicia con respecto ao estado español".

Esta subordinación maniféstase, segundo subliña o texto, "no impedimento para desenvolver" as potencialidades económicas da comunidade. "Esta situación só se pode resolver dispoñendo da capacidade para decidir en función dos nosos intereses", asevera.

Un dos puntos nos que fai fincapé o documento é na "necesidade de cambio da forma do estado", non só polo "carácter antidemocrático da monarquía", senón tamén por tratarse dun "sistema corrupto e dun aparato ao servizo de cásea dominante".

Finaliza cun chamamento "á esperanza" e a reivindicar o proxecto republicano en Galicia "como expresión das conviccións democráticas e republicanas do nacionalismo". 
POWERED BY BIGPRESS