O portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, denunciou hoxe que a Consellería de Industria ten investido un total de 4 millóns de euros en tres campañas publicitarias dende o ano 2013, o mesmo investimento que permitiría asinar ata cen contratos de investigación. Advertiu que “o PP mobiliza moito mais no seu beneficio con tres campañas, pero para o país sería moito mellor contratar investigadores".


O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria do Parlamento de Galicia para esixirlle á Xunta que retire a última destas campañas, aínda en vigor, denominada “A innovación na industria de Galicia: cara a fábrica do futuro”, e que foi rexeitada polo PP. Esta campaña, que custará dous millóns de euros, continúa a liña de Galicia Emprende -2013- e de Galicia, Impulsora do Desenvolvemento -2014-.


Losada tildou de “obscenas” estas iniciativas que demostran que “o investimento en publicidade é inversamente proporcional ao nivel de incompetencia” da Consellería, que “intenta agochar unha estratexia de desmantelamento espectacular das ferramentas de política industrial” e o seu “capitalismo de amiguetes”.


Igape


O responsable socialista criticou así que a Consellería centra os seus esforzos en priorizar as políticas de comunicación e en inxectar inxentes caudais de diñeiro público no sector privado para socavar as funcións do Igape. Aludiu así aos convenios de 18 millóns de euros dedicados á Confederación de Empresarios ou outros dous millóns de euros para contratar empresas privadas para atraer capital extranxeiro.


Estas iniciativas demostran, dixo, a intención clara de desmantelar o principal instrumento de impulso industrial do goberno galego, o Igape, contratando empresas privadas para que fagan o labor que lle correspondería ao ente público. Un ente que viu rebaixado o seu orzamento nun 75 por cento dende que chegou Feijóo e que, do orzamento restante, tan só da executado un 21 por cento. 

POWERED BY BIGPRESS