Cracovia, 8 de setembro de 2015.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo onte un encontro con Marek Sowa, membro do Comité das Rexións da UE e presidente do voivodato de Malopolska, rexión polaca que conta como capital coa cidade de Cracovia. O encontro, no que tamén participou o Embaixador de España en Varsovia, Agustín Núñez, celebrouse como consecuencia da vontade das autoridades desta rexión de Polonia por establecer un marco de cooperación estable con Galicia.


Así, negociouse a sinatura en Santiago de Compostela e en datas próximas dun Memorando de Cooperación que incidirá principalmente no eido do turismo relixioso e cultural, co lema “dúas Galicias, unha Europa”, pero tamén na cooperación interrexional entre Galicia e Malopolska en materia de investigación, educación, desenvolvemento rexional, innovación e comercio.


Jesús Gamallo e Marek Sowa coinciden en salientar que este novo marco de cooperación estable está fundamentado na existencia de fenómenos socioeconómicos parellos nas dúas rexións, como a presenza de rutas de peregrinación relixiosa ou o peso relativo do turismo cultural en ambas, dado que tanto Galicia como Malopolska contan con varios sitios históricos rexistrados na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco.


O director aproveitou a súa estancia na rexión polaca para participar no XXV Foro Económico e das Rexións de Krynica-Zdrój, unha cidade preto de Cracovia. Este Foro, que celebra este ano o seu 25 aniversario, é o máis importante da antiga Europa Oriental. Nesta edición, o Foro foi inaugurado polo Presidente da República de Polonia, Andrzej Duda.


Na súa intervención no Foro Jesús Gamallo disertou sobre a forma que as rexións poden exercer o chamado “poder brando” ou “soft power”, sobre todo no contexto da Unión Europea e con especial referencia á exitosa cooperación transfronteiriza que manteñen Galicia e a Rexión Norte de Portugal. 

POWERED BY BIGPRESS