O deputado socialista Xosé Sánchez Bugallo denunciou na Comisión de Facenda do Parlamento que o concurso do servizo de ambulancias do 061, que ascende a 121 millóns iniciais por catro anos e ampliable ata 197 por dous anos mais, incumpre as recomendacións da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia sobre equidade e transparencia.


Presentou unha pregunta oral na que lembrou a “sospeitosa alteración” nas condicións dun contrato convocado en decembro do ano pasado cambiando os requisitos para a concorrencia e deixando tan só 15 días naturais, reducidos a 11 días hábiles ao coincidir coa ponte da Constitución e dous domingos, cando o habitual son 45 días.


A esta “situación estraña” da publicación do DOG coas bases e os prazos súmase unha “nota aclaratoria” posterior alterando o prazo a través dunha “resolución anónima sen data e en papel sen timbrar nin asinar”.


Sánchez Bugallo advertiu que este proceso incumpre os requisitos fixados pola CNMC, nomeadamente con relación á dispoñibilidade de información “de forma simétrica para tódolos operadores”, para que os aspirantes “dispoñan información en termos e tempos equivalentes”.


Tamén incumpre a recomendación de incrementar a transparencia e publicidade da administración en relación cos procedementos de contratación. O organismo alerta de elevadas barreiras de entrada para acceder ás concesións públicas e dun encarecemento dos prezos finais de aproximadamente “un 25 por cento superiores aos que se acadarían en caso de competencia efectiva”.

POWERED BY BIGPRESS