No debate o Parlamento galego sobre unha proposición para que a fábrica de ENCE se marche en 2018, Antón Sánchez de Alternativa Galega de Esquerras (AGE) afirmou que a Lei de Costas saíu adiante só cos votos do PP para dar "posibilidade" a que ENCE estea "75 anos máis" na ría de Pontevedra, do que son "cómplices" e acusou aos popualres de "ter hipotecado a este país" con empresas como ENCE "que destrúe máis emprego" do que xera.


 A proposta pretendía instar á Xunta, en base ao plan de ordenación de litoral e ás directrices de ordenación do territorio, a emitir un informe negativo para a solicitude de prórroga da concesión de ENCE. 


O deputado popular, Jacobo Moreira, encargouse de argumentar en contra desta proposición afirmando que Ence "ou segue" na ría de Pontevedra "ou pecha" e recriminou á oposición que "parece que non lles importa o desemprego" en Pontevedra.



A deputada do BNG, Ana Pontón engadiu que Feijóo "está claramente activo en conivencia cos intereses de ENCE" e sinalou que a fábrica de celulosa "é un problema para o desenvolvemento económico de toda a provincia de Pontevedra".


A socialista Patricia Vilán denunciou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "está absolutamente pasivo" durante case sete anos de goberno, pois "debería buscar unha mellor localización", pero "o que fixo foi mirar para outro lado con Ence".





POWERED BY BIGPRESS