Alternativa Galega de Esquerda levou ata o Parlamento as súas dúbidas acerca dos proxectos de investigación mineira aurífera nas comarcas de Soneira e Bergantiños, aproveitando para denunciar a condena medioambiental que no seu momento afectou ao administrador da empresa promotora.


En concreto, AGE pregúntalle ao goberno polo seu grado de coñecemento dos proxectos de investigación 'Isabela II' e 'Livia', o primeiro deles xa concedido e os segundo actualmente en proceso de tramitación.


O grupo político faise eco da denuncia do colectivo Salvemos Cabana, que alertou recentemente contra un proxecto combinado que afectaría máis de 8.900 hectáreas, unha superficie que multiplicaría por dez a do frustrado proxecto de Corcoesto.


Dende AGE tamén aproveitan a ocasión para poñer de manifesto que a empresa promotora dos proxectos de investigación, M-FM 2001, "ten como administrador único a Antonio Mirando Rojas", que no seu momento foi dono de Tico S.A., unha firma "acusada pola Fiscalía por danos ambientais no Parque Rexional do Sureste da Comunidade de Madrid".


Un caso no que tamén incidiu Salvemos Cabana, que explicou que Tico S.A. fora sancionada por "extraer áridos de forma ilegal no municipio madrileño de San Martín de la Vega sen contar coa preceptiva declaración de impacto ambiental". Segundo denuncia o colectivo, durante estas operacións de extracción afectaron unha Zona de Especial Protección para as Aves, que ademais está considerado Lugar de Importancia Comunitaria, algo que lles valeu unha indemnización sancionadora de 829.460 euros e unha multa de 240.000.

POWERED BY BIGPRESS