No ano 2015 perderon o seu traballo a través dun ERE 858 traballadores en Galicia, segundo os datos
que manexa CCOO. Esta cifra supón un incremento dun 14% con respecto a 2014, cando foron despedidas 754 persoas por esta vía.
Este aumento das persoas despedidas a través dun ERE contrasta vivamente coa diminución xeral dos afectados por este tipo de procesos. Así, durante 2015 rexistráronse 371 expedientes que afectaron a 5.494 traballadores, un 46,71% menos que en 2014.
¿Cómo se explica esta aparente contradicción? Pois porque segundo CCOO o ERE de extinción está gañando peso: «De aplicar o ERE como unha medida para adecuar o persoal a unha situación conxuntural, pasouse a utilizalo como instrumento de axuste de persoal puro e duro», sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.
A industria xunta o maior número de traballadoras e traballadores afectados por un ERE, con 3.176 ata decembro de 2015 (o 50,68 % do total). Cabe destacar que, aínda que baixou o número de persoas afectadas por ERE, no sector da pesca na provincia da Coruña aumentaron nun 230,22 % debido ao conflito do sector, que amarrou os seus barcos durante tres meses.